O FIOT, punto de inicio da xira do novo de Touriñán, con texto de Nacho Carretero
VEN A GALICIA
As entradas para «Recortes, caneos e outras formas de driblar» sairán á venda a próxima semana
21 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O campo de fútbol do Villestro foi onte escenario da presentación da nova produción do Centro Dramático Galego e a compañía Ainé, que estrearán a finais de mes Recortes, caneos e outras formas de driblar. A peza, que afondará no deporte rei dende diferentes perspectivas, é unha proposta escénica baseada nun texto aínda inédito do xornalista Nacho Carretero, co que Ainé xa traballou anteriormente na adaptación de Fariña.
O elenco da peza está integrado por Xosé Antonio Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, que tras representar a peza durante varias semanas no Salón Teatro de Santiago de Compostela, iniciarán unha xira que os levarán por diferentes escenarios da comunidade galega ata o vindeiro mes de febreiro.
E cal será a primeira parada desa xira? Pois Carballo, e máis concretamente, o FIOT. Será o 31 de outubro e, aínda que polo de agora só saíron á venda os abonos para os socios da entidade Telón e Aparte, a vindeira semana xa poderá facer a súa reserva o público xeral. Hoxe, ademais, saen á venda as entradas para as funcións da Rúa dos Contos.