Xa está aberta a inscripción para participar en Camiño de Inverno: camiño, paisaxe e viño nas terras do SilA actividade levarase a cabo durante o mes de outubro ao longo de dúas sesións, unha primeira na Casa do Río Cigüeño do Barco o día 8 e unha segunda no centro cultural Avenida da Rúa, unha semana despois
21 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.? A Ruta do Viño de Valdeorras vai promover nesta comarca ourensá a celebración do I Foro
Camiño de Inverno por Valdeorras: camiño, paisaxe e viño nas terras do Sil. Unha iniciativa que pretende dar a coñecer a contorna de Valdeorras e a súa paisaxe, e achegarnos a súa historia a través do mundo do viño e empregando o Camiño de Inverno como elemento vertebrador das actividades que se levarán a cabo.
O Camiño de Inverno é unha das rutas xacobeas menos coñecidas polo gran público, que parte en Ponferrada e entra en Galicia pola comarca de Valdeorras, para logo discorrer por outras áreas xeográficas ata desembocar en Santiago. A idea do foro que promove a Ruta do
Viño é divulgar o potencial desta ruta, ao tempo que se promocionan os recursos turísticos de Valdeorras, especialmente os seus viños.
A iniciativa, que conta co respaldo da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 2021-2022 foi presentada hai poucos días en rolda de prensa por Joaquín Sánchez, presidente da Ruta do
Viño de Valdeorras, e por representantes doutras institucións e organismos que tamén a apoian economicamente: José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da D.O.
Valdeorras; Alfredo García, alcalde do Concello do Barco e Álvaro Fernández, rexedor de A Rúa.
Foro orientado ao sector turístico e ao público en xeral
Aínda que particularmente as xornadas que se desenvolverán diríxese aos profesionais do mundo do viño, do eido turístico e a aqueles que traballan no campo do desenvolvemento rural, en realidade o foro está aberto a toda a sociedade e os que se queiran inscribir poden facelo a través dos formularios habilitados ao respecto na páxina web da Ruta do Viño:
www.rutadelvinodevaldeorras.com.
A iniciativa desenvolverase en dúas xornadas ou seminarios-taller independentes: a primeira delas, o 8 de outubro na Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, e a segunda, o 15 de outubro, no Centro Cultural Avenida da Rúa. O foro contará nas sesións matutinas con relatorios a cargo de recoñecidos estudosos e profesionais da Historia, a cultura ou o mundo do viño. As actividades serán complementadas con saídas de campo nas xornadas de tarde, destinadas ao coñecemento do Camiño de Inverno por Valdeorras en xeral, e ao goce da paisaxe e dos viños da zona, máis en particular.
Ponentes de prestixio
O seminario-taller do Barco levará por título Enoturismo no Camiño de Inverno por Valdeorras e o da Rúa Viño, tradición e historia no Camiño de Inverno por Valdeorras.
No primeiro deles participarán, entre outros, Alexandra Seara, xerente do Consorcio de
Turismo da Ribeira Sacra, quen abordará O enoturismo transformador do rural. Tamén tomará parte nesta primeira xornada do foro Isabel V. García Vázquez, responsable técnica de Turismo de Almendralejo (Estremadura) para falar sobre as Oportunidades do enoturismo: a ruta do viño e o cava Ribera do Guadiana. Ademais, Manuel Gago, doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago, centrará a súa intervención no Patrimonio enolóxico e turismo gastronómico: unha cultura única.
Tras os relatorios, celebrarase unha mesa redonda sobre o Enoturismo no Camiño do Inverno composta por Olga Verde, presidenta da Ruta do Viño do Bierzo; Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras; Jorge Melo, técnico especializado en enoturismo e aplicación das TIC; e Rafael Pardevalles, xerente e dono da adega Pardevalles e promotor da recuperación da variedade de uva prieto picudo.
Xa pola tarde, nesta primeira xornada do foro, os participantes poderán gozar dunha ruta polo Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, polo Camiño de Inverno e dunha visita á adega Roandi.
Segunda xornada
Á semana seguinte, o sábado 15 de outubro na Rúa, abrirase a sesión de ponencias cunha charla a cargo de Antón Alonso, editor da revista Vinos y Caminos. A continuación, Rubén Camilo Lois, catedrático universitario, falará sobre O camiño como experiencia turística transversal. Posteriormente, Carina Rodríguez, arquitecta técnico, abordará o Patrimonio etnográfico no Camiño de Inverno e, finalmente, o presidente da Ruta dos Viños de Valdeorras presentará un vídeo sobre as covas, adegas soterradas espalladas por toda a xeografía desta comarca ourensá.
Precisamente, as covas de Valdeorras centrarán a mesa redonda da xornada na que participarán o arqueólogo Santiago Ferrer; o xerente da Cova da Xabreira, Simón Val; a xestora turística, Laura Mondelo; e o membro da xunta directiva de Hispania Nostra, Juan Ayres Janeiro.
Pola tarde, os participantes visitarán diferentes emprazamentos etnográficos de interese, percorrerán unha parte do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras e visitarán a Cova da Xabreira, onde poderán gozar dunha cata de viños da zona.
Conseguir embaixadores para Valdeorras
Coa posta en marcha deste foro, a Ruta do Viño de Valdeorras, en palabras do seu presidente, quere «fomentar o fluxo de visitantes á nosa zona». «Porque —segundo asegurou Joaquín Sánchez— cada un deles é, logo, susceptible de ser converter en embaixador da nosa terra, da nosa gastronomía, do noso patrimonio e, por suposto, dos nosos viños».
As sesións incluirán charlas, mesas redondas e saída para coñecer a zona
Busca divulgar a ruta xacobea e promocionar os recursos turísticos de Valdeorras