Patrocinado por

«Paga a pena camiñar tres horas de noite para ver petróglifos como os de Vimianzo»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

XOÁN A. SOLER

As inscricións para a ruta nocturna pola arte rupestre de Vimianzo están abertas

21 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Membros do colectivo compostelán A Rula, así como o brillante estudante David Roget, serán os encargados de guiar este venres unha ruta nocturna polos petróglifos de Vimianzo. A comitiva partirá ás nove da tarde da Praza do Concello, collendo rumbo cara Somontemio, a Cruz do Loureiro e as estacións do Prado da Cruz. Será unha ruta de baixa dificultade, que durará unhas tres horas e se prolongará por menos de cinco quilómetros. Luis Leclere, presidente de A Rula, anima aos interesados a anotarse canto antes, «xa que as prazas son limitadas e adoitan esgotarse bastante rápido», asegura. Inscricións neste enlace.

—Que verán os participantes neste itinerario?

—Será a segunda vez que fagamos esta ruta e visitaremos as principais estacións atopadas por David Roget hai ano e medio, postas en valor polo Concello de Vimianzo cunha ruta, sinalización e limpeza do entorno. Non será unha andaina moi esixente, pois terá apenas un par de pendentes e será de dificultade baixa-media. O que veremos, fundamentalmente, será arte rupestre prehistórica: motivos xeométricos con grandes combinacións de círculos concéntricos.

—Por que se adoitan facer estas visitas durante a noite?

—Falamos de elementos que levan cinco mil anos á intemperie e están feitos sobre granito, que ten unha textura, uns procesos de erosión... Todo isto fai que, se vamos de día e non temos o ollo moi acostumado, o que visualicemos sexa unha pedra que parece que ten algo máis. A primeira hora da mañá e última da tarde, co sol en oblicuo, xéranse certas sombras, e xa pola noite podemos ver estes motivos ao noso gusto. Con iluminación nocturna facemos unha especie de painting e buscamos as sombras que deixan eses surcos. É unha experiencia moi interesante, que soe deixar á xente abraiada. Paga a pena camiñar tres horas pola noite para o que ves.

Imagen de una ruta anterior por los petroglifos de Vimianzo
Imagen de una ruta anterior por los petroglifos de Vimianzo XOSE AMEIXEIRAS

—A mala visibilidade tamén dificultará os achados...

—Máis que a complicación que produce a falta de visibilidade, que pode mitigarse con tecnoloxía, o principal hándicap é o estado de xestión dos montes, que impide chegar a laxes que foron documentadas hai moito tempo e que, polo descontrol [na plantación] de especies pirófitas, prodúcense incendios que acaban coa capa fina da pedra onde residen os petróglifos, destruíndoos.

—Será Vimianzo un dos lugares máis ricos en patrimonio?

—Eu non entraría nesa comparativa, pero sen dúbida é un dos concellos que mellor está coidando o seu patrimonio. Mesmo cambiando de cores políticas, leva bastantes anos traballando de forma continuada e seria na explotación do seu patrimonio, en facelo accesible para que sirva para educar, para visitar, para ensinar e para sentirnos orgullosos do que temos. Dende A Rula traballamos para que os concellos cos que colaboramos teñan accesible un dolmen, un castro e un petróglifo, elementos educativos de grandísimo nivel para tódolos colexios, e Vimianzo cumpre perfectamente: calquera neno pode coñecer a súa historia co patrimonio que o seu Concello está coidando.

David Roget
David Roget JESUS ROGET

—Tópanse con moitos ataques vandálicos?

—Por desgraza si, aínda que as maiores agresións coas que nos atopamos son as eólicas, que son máis perigosas. O que si estamos notando é que cando a Administración competente coida ben ese elemento, os vandalismos comezan a desaparecer: é complicado pedirlle ao cidadán de a pé que coide algo que, cando o vai visitar, está totalmente abandonado.

—Mágoa, pois sería un moi bo recurso educativo.

—Coñecer o mundo a través do próximo, para despois entender o afastado. A nosa xeración, a da EXB, medrou coñecendo Altamira, pero non o noso entorno. Se as Administracións non fan accesibles xacementos, se non se fan visitas, se estas cousas seguen sen aparecer nos libros de Historia... Ao final as novas xeracións tampouco coñecerán o seu entorno.

Cruz do Loureiro
Cruz do Loureiro BASILIO BELLO