Patrocinado por

«''O mellor é a auga'', xa o dicía Píndaro»

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

VEN A GALICIA

Emilio Nieto Ballester (á dereita), profesor de Filoloxía Clásica na Universidad Autónoma de Madrid, na mesa do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, con outros poñentes.
Emilio Nieto Ballester (á dereita), profesor de Filoloxía Clásica na Universidad Autónoma de Madrid, na mesa do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, con outros poñentes.

Fontes e mananciais dan de beber ao peregrino e nomes aos lugares das rutas xacobeas, lembra o profesor Emilio Nieto

22 sep 2022 . Actualizado a las 21:47 h.

«O mellor é a auga”, xa o dicía o poeta grego Píndaro», lembraba este xoves o profesor de Filoloxía Clásica na Universidad Autónoma de Madrid Emilio Nieto Ballester para enxalzar o seu dobre papel primordial no Camiño de Santiago: dar de beber ao romeiro e procurar nome a moitos lugares das rutas xacobeas. Tras séculos de peregrinación, a auga segue a ser fundamental para o camiñante.

Investigador e autor de obras básicas como Breve diccionario de topónimos españoles e Introducción a la etimología, Nieto falou no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago de nomes relacionados con fontes e mananciais nos distintos itinerarios cara a Compostela.

O encontro organizado pola Real Academia Galega, que está reunir na Facultade de Filoloxía da USC os principais especialistas de Galicia, a Península e Europa, dedicou a súa segunda xornada á toponimia xacobea de Portugal e do resto de España, despois de profundar o día anterior no ámbito galego.

No seu relatorio, Nieto abondou nas palabras vinculadas nas linguas peninsulares a fontes e mananciais ao longo dos camiños xacobeos, tratando de resolver dúbidas que seguen a rodear a orixe de topónimos como Collá de Zampudia ou Jumpesada. «Na toponimia estes resultados móstranse moito máis variados ca na lingua estándar normalizada», razoa o filólogo, que parte de exemplos de resultados fonéticos e morfolóxicos moi diferentes aos normalmente sinalados para fons / fontis e aqua / -ae e os seus derivados. Propón así xustificacións para topónimos que ata o momento presentaban dúbidas. «É o caso de moitos resultados tipo juan, jun, zam-, am- en exemplos do tipo Juan Bendita (Fanlo, Huesca), La Juan Salida (Arnedillo, La Rioja), Fuente Juntoria (La Vecilla, León), Ampudia, Collá de Zampudia (Caso, Asturias) ou Jumpesada (Oseja de Sajambre, León)», enumerou.

O profesor madrileño compartiu programa con outros especialistas da península Ibérica como Patxi Salaberri, profesor da UPNA e académico de Euskaltzaindia (Real Academia da Lingua Vasca); Toribio Fuente, da Universidad de Oviedo; ou Javier Giralt, presidente da Academia Aragonesa de la Lengua.

Giralt sinalou o «pouco eco compostelán» que se atopa na toponimia maior de Aragón. Na urbana, citou casos como Puente de los Peregrinos (Canfranc), Caseta del Peregrino (Barbastro e Biel), Camino del Peregrino e Corral de Peregrinos (Biota), Portal del Peregrino (Valdealgorfa), e rúas dedicadas a Santiago en Castiello de Jaca, Ara, Cajigar, Morillo de Liena, Monreal e Teruel.

Mención a parte merece San Pelegrín (Huesca), relacionado con San Peregrino de Auxerre (século III) e documentado por primeira vez en 1191. Pode ter que ver co Camiño? «Si, se valoramos que por alí pasaba un enlace, unha rama subsidiaria que unía o camiño rotense co de Salas, que é unha das vías do Camiño Catalán. Pero é unha suposición», advirte Giralt.