A participación no roteiro é de balde, con reserva de praza previa, e será o mércores
25 sep 2022 . Actualizado a las 22:24 h.O vindeiro luns, o Concello de Neda abrirá as inscricións para a última das rutas do programa municipal Descubrindo Neda. Consistirá nunha visita ó Monte de Ancos que terá lugar o mércores 28 de setembro ás 17.00 horas. Este último percorrido, con saída do Albergue, centrarase no patrimonio histórico de Xuvia e Casadelos.
En primeiro lugar percorrerá a ribeira de Xuvia ata a ponte de pedra, importante vía de comunicación que foi nun tempo dos Andrade. Xunto a ela, os visitantes verán a que foi unha das Casas Reais da monarquía do século XVIII, primeiro como fábrica de cobre e logo como fábrica de moeda, para seguir hoxe en día en funcionamento como fábrica textil. Outra parada será a capela de San Antonio de Casadelos, exemplo de arquitectura barroca rural, para seguir o ascenso cara o miradoiro do monte de Ancos, cunha das mellores vistas panorámicas da ría e lugar de lendas que nos levarán a un pasado máxico. A visita estará guiada pola técnica de turismo Victoria Fornos, a participación é de balde, con reserva de praza chamando ó teléfono do Albergue 682 623 335 ou enviando un correo a maría.fornos@neda.gal.