O Museo de Pontevedra, sede descentralizada da máis antiga bienal de arte da península
VEN A GALICIA
O Edificio Sarmiento acolle a obra dunha quincena de artistas procedentes de Portugal e do Brasil
26 sep 2022 . Actualizado a las 10:28 h.Ata o vindeiro 20 de novembro, o Museo de Pontevedra exercerá como sede descentralizada da máis antiga bienal de arte da península ao acoller unha mostra de arte contemporánea da XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira, en Portugal. Deste xeito e baixo o título de We must take action!, no Edificio Sarmiento exponse a obra de quince artistas do país veciño e do Brasil que foron seleccionadas pola directora artística da Bienal, Helena Mendes Pereira.
A escolma de artistas inclúe auténticos referentes das artes portuguesas, caso de Zulmiro de Carvalho, Ana Vidigal ou Mafalda Santos, que comparten espazo con outros autores de diferentes xeracións, cunha destacada presenza feminina: Elsa César, Ana Maria Pintora, Henrique do Vale, Juan Domingues, Mariana Mizarela, Pedro Figueiredo, Serafim Sousa e Sobral Centeno.
Pola súa banda, Brasil está presente a través de Jayme Reis e Zélia Mendonça, mentres que a selección de pezas complétase con dúas obras que forman parte da homenaxe que a bienal dedica a Helena Almeida, da man de Ana Monteiro e Maria Cunha.
Ao respecto desta iniciativa, a directora artística da Bienal sinalou que optou por estes creadores porque son «autores de diferentes xeracións e plasticidades que comparten o gusto polo detalle, polo deseño, pola expresión do corpo, con enfoque na dimensión poética da obra de arte e nas mensaxes indecibles que agocha».
Dende o Museo, pola súa banda, teñen o convencemento de que a súa participación como sede descentralizada contribúe a afianzar os lazos culturais e artísticos entre Galiza e Portugal e permite que o público galego se poida achegar á arte actual do país veciño. En paralelo á inauguración en Pontevedra, a poboación lusa de Monção, abriu a súa propia mostra como outra das sedes descentralizadas da Bienal coa participación do marinense Antón Sobral, xunto cun artista portugués e outro brasileiro.
A Bienal Internacional de Arte de Cerveira é a máis antiga da Península, toda vez que se ven celebrando dende 1978. A vixesimosegunda edición celébrase do 16 de xullo
ao 31 de decembro na localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira, aínda que, ademais de Pontevedra e Monção, conta con polos expositivos noutras tres localidades do norte de Portugal: Caminha, Vila Verde e Alfândega da Fé.