Patrocinado por

Doce orquestras para animar as verbenas e o vermú en Tállara

La Voz

VEN A GALICIA

CARMELA QUEIJEIRO

Dende hoxe e ata o venres celébranse as festas en Lousame

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas de San Roquiño de Tállara, por tradición, pechan o calendario de grandes celebracións na contorna das comarcas de Barbanza e de Noia. Son as principais do municipio de Lousame e teñen as súas peculiaridades, como que cada xornada contan cunha organización distinta que compiten para ver cal o fai mellor, que hai música dabondo da que se pode desfrutar pola mañá, ao mediodía e á noite; e, ademais, contan cun compoñente gastronómico, como é o cordeiro guisado que antigamente atraía a comensais procedentes de máis alá da bisbarra, pero aínda hoxe hai locais que o ofrecen nestas datas.

Pero o eminentemente festivo empeza hoxe, a primeira hora da mañá, cando o grupo de gaitas O Son do Pote empece o percorrido polo municipio, que non é corto precisamente, e que terá que repetir cada xornada ata o venres.

A apertura está dedicada a San Roque, que da nome ás festas, e con tal motivo, ás 13.00 horas será a misa na súa honra. Ao remate, no campo da festa, a orquestra Unión y Fuerza anima a sesión vermú. Esta e Atenas serán responsables de que non baixe o ánimo na verbena.

Programa para a semana

Mañá, o día é para a Virxe do Loreto, e tamén haberá o percorrido de O Son do Pote coas alboradas. A misa é á mesma hora, ás 13.00, e a sesión vermú ao seu remate. Corresponderá ao Dúo Charada divertir aos presentes, que repetirá pola noite cunha orquestra con moita historia e calidade: Los Satélites.

O martes, a xornada será na honra da Purísima Concepción, e non faltará a animación de O Son do Pote a primeira hora. Despois da misa das 13.00, a orquestra Fussión collerá os instrumentos para facer bailar ao campo da festa. Pola noite, tanto este grupo musical como a non menos famosa orquestra Solara animarán Tállara ata entrada a madrugada.

San Miguel é o santo ao que lle toca ser venerado o mércores, polo que terá a súa misa á unha, pero previamente os sons tradicionais xa se escoitarán pola poboación. Na sesión vermú intervirán Salsarena e Enzo Fernando. Pola noite, a verbena contará con dúas agrupacións: a mesma Salsanera e Montreal.

O penúltimo día, o xoves, contará cos mesmos horarios e algúns dos actores das catro xornadas anteriores, como O Son do Pote. Será o Anxo da Garda o homenaxeado cunha misa ás 13.00 horas, para, a continuación, dar paso á animación antes de ir xantar, da que se encargará Puzzle. Este grupo repetirá na verbena, xunto coa orquestra Los Players.

A última xornada de festa será o venres, na honra de Nosa Señora de Fátima. O Son do Pote fará o derradeiro percorrido coas dians e alboradas a primeira hora da mañá. Pola sñua banda, a orquestra Alianza poñerase á fronte da sesión vermú. E, para pechar seis días de celebracións, Triunfo e a mesma Alianza encargaranse da verbena.