Vilelos recuperou a súa festa do lume coa queima de case medio cento de fachas
VEN A GALICIA



Os veciños levaban dous anos agardando para celebrala sen limitacións>
26 sep 2022 . Actualizado a las 19:37 h.Vilelos recuperou este venres o seu Folión das Fachas. E a festa volveu con forza, porque os veciños desta parroquia do Saviñao prendéronlle lume a case medio cento de fachas feitas por eles a man cos agucios que foron recollendo no monte durante as últimas semanas. E a pesar de armar tantas aínda lles sobrou material para chantar no medio do campo da festa un máis de case oitos metros de altura. A de Vilelos é unha das tres festas do lume que quedan na Ribeira Sacra, xunto coa de Castelo, no veciño concello de Taboada, e a de Castro Caldelas.
A festa de Vilelos celebrouse este venres e a queima foi como sempre a medianoite, pero a animación comezou antes, pouco despois de que se fixese de noite. Pero o acto central da xornada é sempre a queima das fachas que os veciños foron levando durante a tarde desde as súas casas ao campo da festa, onde quedaron preparadas ata a medianoite. A esa hora, cada un foi pola súa para irlles prendendo lume unha a unha e subilas a pé ata o castro da Besta, o lugar elevado no que veciños e visitantes as viron consumirse pouco a pouco. Na subida a pé ata o castro, os participantes levaron 46 fachas acesas e foron acompañados polo grupo de música tradicional Fiadeira, de Antas de Ulla.
Unha de oito metros
Pero este ano o lume durou un pouco máis do habitual, porque ademais das fachas feitas para que a xente as subise ao castro tamén se armou unha moito máis grande que foi chantada no medio do campo da festa. Medía perto de oito metros e estivo ardendo durante unha hora e cuarto. Mentres ardía, no campo da festa actuou o grupo musical Comando Curuxás.
O Folión das Fachas de Vilelos non se celebraba desde o 2019, aínda que no 2020 e o 2021 algúns veciños queimaron fachas de xeito individual e para evitar que esta tradición faltase e mantela aínda que fose só de maneira simbólica. A festa está organizada pola asociación de veciños San Martiño de Vilelos, que este ano contou coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, que financiou as actuacións musicais, e do Concello do Saviñao.
Este ano, o traballo de elaboración das fachas resultou un pouco máis difícil porque a sexa fixo que escaseasen os agucios, o arbusto tamén coñecido como abrótea e que é co que se fan. Os veciños recollen os seus talos secos para, unha vez entrelazados, utilizalos como combustible.