O castelo de San Felipe, o máis visitado, recibiu 32.000 turistas no que vai de ano
27 sep 2022 . Actualizado a las 22:30 h.O número de visitantes este ano na cidade candidata a Patrimonio Mundial, segundo as oficinas de turismo do Concello de Ferrol, chegou entre os meses de xuño e setembro ás 17.226 persoas, un 11 % máis ca antes da pandemia. Proceden doutros lugares de Galicia, de Madrid, País Vasco e Andalucía os turistas nacionais; e de Italia e Francia os internacionais. A concelleira de Turismo, María Teresa Deus, falou de auxe e de cifras máis ca positivas.
«O turismo tense que posicionar como segunda fonte de recursos despois da industria e dende o Concello estamos a impulsalo», sinalou Deus. Para celebrar o Día do Turismo que tivo lugar a pasada xornada, a edil indicou que dende o Concello quixeron «poñer un grao de area», polo que decidiron ofrecer dúas visitas guiadas totalmente de balde, unha ao Museo Naval Exponav e outra polo Ferrol Ilustrado e os edificios máis emblemáticos do arquitecto Rodolfo Ucha.
Camiño Inglés
O ano Xacobeo está deixando a súa pegada na cidade. Deus explicou que este verán destacou a presenza de peregrinos, tanto nacionais como internacionais, cuxa cifra xa chega aos 9.865. Isto supón un incremento do 56 % despois da pandemia. Ademais, a primeira milla do Camiño Inglés de Ferrol sitúase xa como o terceiro punto de chegada de peregrinos en Galicia, despois de Tui e Sarria. «O Camiño Inglés está a medrar ano tras ano», apuntou Deus.
En canto ás preferencias dos visitantes, os turistas veñen a Ferrol principalmente pola oferta de patrimonio, pola tranquilidade, polas praias e a natureza, tanto a nivel paisaxístico como para facer turismo activo e surf. As visitas guiadas máis demandadas, segundo datos de Ferrol Guías e Galitur, son as do Arsenal, Navantia, Cuartel de Dolores e a ruta do modernismo.
O monumento máis visitado, un ano máis, é o castelo de San Felipe, que xa leva 32.000 turistas e está previsto superar as 40.000 visitas totais que se contabilizaran o pasado ano. Foron dous anos de obras de restauración e mellora no castelo, que a estas alturas están xa finalizadas. A edil quixo resaltar que subiu considerablemente o número de visitantes do roteiro modernista polas rúas do casco vello, así como o dos solicitantes das ceas en lancha pola ría, que calificou de éxito outro ano máis.
Aínda que non tanto como os roteiros e o Camiño Inglés, as Meninas de Canido tiveron moito pulo estes meses estivais e atraeron a xente de moitos lugares, especialmente durante setembro coa celebración do festival anual. Todo parece indicar que se manteñen como unha nova proposta turística sólida da cidade.
Aumento das prazas hoteleiras
Tamén ao longo deste verán aumentaron as pernoctas na cidade portuaria, chegando a un total de 9.387 entre xuño e setembro. Esta era unha materia que o Concello consideraba pendente pola falta de prazas hoteleiras, pero pensan que é un dato que axudará a decidirse a investir a aquelas persoas que teñan en mente comezar no negocio.
Grazas ao aumento de visitantes, dende o Concello ven con optimismo un novo proxecto de hotel do Cantón, para o cal a edil augura enorme éxito: «Cremos que lle vai ir moi ben, é unha gran noticia. Vemos que hai unha demanda clara de prazas hoteleiras e que ata o de agora era algo deficitaria».
A gastronomía local está a ser outro dos puntos fortes da oferta turística de Ferrol e a súa comarca, da que a concelleira dixo sentir orgullo: «Temos moitos bos restaurantes nesta cidade». A edil insistiu en que o turismo está a deixar unha impronta positiva na economía local, e alenta a iniciativa privada como motor deste sector.