Patrocinado por

«Foi un home» exhibe no Gaiás a evolución de Laxeiro en Arxentina

Miriam García
m. G. SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Sandra Alonso

28 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1963, o pintor lalinense José Otero Abeledo, Laxeiro, asinou o cadro Foi un home, no que rachaba coa liña da figuración para achegarse á abstracción. Agora, esta peza serve para dar título á exposición que pon o foco nas creacións realizadas en plena madurez durante a súa estadía entre 1950 e 1970 en Arxentina. Unha mostra que, tras pasar por Lalín e Madrid, estará ata o 18 de decembro no Museo Gaiás, para logo viaxar en xaneiro ata o Instituto Cervantes de París.

As corenta pezas que conforman o percorrido expositivo de Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970) pretenden amosar a Laxeiro «como un artista galego e, ao mesmo tempo, profundamente incardinado nas correntes estéticas internacionais do momento», resaltou o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez, no acto inaugural. Nese sentido, fixo fincapé en como o lalinense conxugou a fidelidade ao que era a práctica pictórica do momento na arte galega cunha intensa evolución formal achegada á transformación da modernidade estética dos anos cincuenta e sesenta. «Laxeiro ten dúas virtudes: abriu a nosa forma de ser ao mundo e renovou as bases da nosa cultura», subliñou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre «o pintor galego máis importante do século XX». Ademais, engadiu que ese «Laxeiro universal, sempre estivo inspirado pola súa aldea».

No percorrido expositivo polo terceiro andar do museo da Cidade da Cultura sobresaen cadros como O mundo, unha obra moi representativa da súa etapa arxentina, pero que foi escasamente exposta ao público. Tamén son varias as pezas nas que xoga coa descomposición das caras, como a que lle dá título á exposición. Non faltan tampouco creacións doutros autores que participaron nunha mostra en 1951 en Bos Aires, como Maside, Faílde ou Díaz Pardo. Aqueles que queiran coñecer a exposición de Laxeiro máis polo miúdo teñen a opción de participar en visitas guiadas. A Cidade da Cultura xa abriu as reservas.