Patrocinado por

Manolo Paz leva a súa obra ás rúas de Madrid

M. G. SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

O proxecto presentouse onte na Cidade da Cultura.
O proxecto presentouse onte na Cidade da Cultura. Xoán A. Soler

A exposición «A distancia que nos une» inclúe tres das pezas de gran formato que se puideron ver en Santiago e outras cinco novas

29 sep 2022 . Actualizado a las 09:24 h.

Despois de intervir nas rúas de Compostela con obras escultóricas de gran formato este verán, Manolo Paz (Cambados, 1957) traslada o seu traballo a Madrid para ocupar lugares emblemáticos da cidade desde a próxima semana —a inauguración está prevista para o día 7 de outubro— ata final de ano. A exposición A distancia que nos une inclúe tres das obras que se puideron ver en Santiago —a que estivo no Obradoiro chegará nun formato reducido para que non pese tanto debido as condicións do subsolo de Madrid— e outras cinco novas.

Horizonte situarase no paseo de Recoletos; Diálogo, Bolboreta e Mundo cortado, na praza de Cibeles; Menhir, Capelas e Transparencias, no paseo do Prado; e Mundos de pedra, fronte ao museo Thyssen e no seu interior. Estarán instaladas a carón do Concello de Madrid, a Biblioteca Nacional e o Banco de España, entre outros puntos. «Non é unha intervención doada porque estamos en sitios que son patrimonio mundial e por onde pasa moita xente. Vai ser visto por millóns de persoas e vai falar de Galicia», incidiu este mércores o escultor na presentación da mostra acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xa que a Xunta apoia a itinerancia do proxecto escultórico.

Paz explicou que o título alude á unión a través da cultura, do Camiño de Santiago e a lingua, e que quedarán situadas en emprazamentos moi ligados ao eido cultural, non só nas proximidades dos museos, senón tamén doutras institucións que contan con espazos expositivos.

Rodríguez salientou que non tiveron dúbidas desde a Xunta —a través da Consellería de Cultura e de Turismo de Galicia— en apoiar esta iniciativa para que estes traballos de gran formato cheguen neste último trimestre a Madrid. «Manolo Paz é un dos artistas de referencia de Galicia e con esta mostra promocionamos a nosa cultura e tamén Galicia», afirmou para destacar que as obras estarán nos lugares máis simbólicos da capital, que se atopan tamén entre os máis visitados. «É un orgullo ter un galego nos espazos máis vinculados á arte non só de España, senón do conxunto do mundo», engadiu lembrando que o creador cambadés «ten o gran mérito de intervir en espazos moi singulares e melloralos».

A itinerancia de A distancia que nos une é froito da colaboración entre a Xunta, a galería de arte madrileña Max Estrella e o Concello de Madrid. O conselleiro agradeceu especialmente a colaboración da Administración local á hora de permitir que as pezas de Paz ocupen estes emprazamentos emblemáticos durante preto de tres meses.