Plumas con mando. Escribe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais | «É imposible non atopar unha butaca conforme a cada gusto e perfil», di Jacobo Sutil
02 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
Ninguén dixo que organizar un festival de teatro fora fácil. Porén, eventos dedicados á exhibición escénica hainos moitos e variados, como tan frecuente é a inquietude que, sobre todo nas últimas décadas, existe en Galicia para levar a cabo mostras, xornadas, semanas, encontros diversos que plasman a fiel e activa afección que existe no noso territorio polo exercicio da arte escénica.
Escolas, asociacións culturais, grupos amateur, colectivos veciñais... Todos eles, cada un en solitario e vistos no seu conxunto, foron quen de manter acesa esa chama teatral durante os tempos difíciles. Ese acervo, que aínda se mantén hoxe, sentou as bases para o salto tan significativo que se produciu hai case que xa corenta anos, a partir das pioneiras mostras de Ribadavia, Cangas, Cariño ou Cee. Nelas, o teatro en galego e feito por nós comezou a reivindicarse e a atoparse co público dun novo xeito e á par que a profesión teatral galega comezaba a tomar conciencia de si mesma.
E daquela, chegou o FIOT. Nun outono, en Carballo, 31 anos atrás. Atopou o seu lugar e a súa «marca» propia onde parecía que xa todo estaba inventado. Fíxoo sumando e contribuíndo a configurar o que chamamos «sistema teatral galego». A súa traxectoria exemplar soubo tecer complicidades determinantes, superar cores políticas e poñer sempre o amor ao teatro por riba de todo. E isto callou no público e no sector. Cada mes de outubro, todas as miradas interesadas na escena diríxense ao Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Na súa coidadísima e ampla oferta, é imposible non atopar unha butaca conforme a cada gusto e perfil. E tamén é imposible, por difícil que pareza, que en cada edición non se nos ofrezan novas experiencias que transcenden con moito a mera exhibición de espectáculos e que levan ao máis alto as posibilidades dun teatro sen límites na combinación das súas funcións sociais e artísticas.
Nos máis de nove anos que levo á fronte da Axencia Galega das Industrias Culturais, tiven a sorte de ser testemuña directa de toda esta progresiva dinámica. Comprobei o papel precursor do FIOT en moitos aspectos programáticos con obxectivos a longo prazo: formación de públicos, oferta segmentada por idades, novos formatos e linguaxes, espazos escénicos fóra dos escenarios, produción de espectáculos... Tamén podo dar fe da súa solvencia de xestión, capacidade de adaptación e responsabilidade cara á difusión das montaxes feitas no país. Mesmo do «olfacto» dos seus artífices por traernos estreas chamadas a ser éxitos. Méritos todos eles do valioso tándem que forman a Asociación Telón e Aparte co Concello de Carballo.
Síntome afortunado por poder vivir tamén o FIOT, primeiro como espectador. E, tamén, moi satisfeito por ter contribuído desde a Xunta de Galicia a configurar este grandioso evento en pos do teatro ao que chega en 2022. Non podía ter mellor utilidade a nosa liña de subvencións a festivais de artes escénicas, unha canle de financiamento creada en 2012 e da que o FIOT ocupa cada convocatoria un lugar sobresaínte na dotación acadada, como tamén moi destacada é sempre a súa estima por parte das persoas expertas que integran cada comisión de valoración.
Non é fácil organizar un festival, pero o FIOT é xa moito máis que iso.