Os Domingos do Principal inauguran en Pontevedra unha nova edición
VEN A GALICIA
O primeiro dos oito espectáculos terá como protagonistas aos monicreques de El Espejo Negro
07 oct 2022 . Actualizado a las 19:37 h.Este 2 de outubro bota a andar en Pontevedra unha nova edición de Os Domingos do Principal, un ciclo que ata o 20 de novembro programará dezaseis pases —en horario matinal das 12 horas e vespertino das 18.30 horas— de oito espectáculos. Todos eles están dirixidos a un público infantil e familiar e comprenden dende monicreques ata teatro de actor ou danza impulsados por compañías chegadas de Galicia, pero tamén de Andalucía, Euskadi ou Cataluña.
Dende o Concello de Pontevedra destacaron, de igual xeito, que o ciclo contará tamén con tres pases concertados con escolares. Engadiron que Os Domingos do Principal adoita ter lugar no primeiro semestre do ano, mais nesta esta edición mudaron ao último trimestre por mor das obras levadas a cabo no Teatro Principal, que reabriu as súas portas o 5 de setembro.
Aínda que se poden mercar as entradas para cada espectáculo de xeito anticipado, o público dispón da opción de adquirir anticipadamente en Ataquilla.com abonos para todo o ciclo a un prezo de 19 euros máis gastos. As entradas soltas teñen un costo único de 4 euros máis gastos. De non esgotarse na venda anticipada, a billeteira do Principal abrirá unha hora antes de cada pase.
A programación
No que respecta á programación de Os Domingos do Principal, esta abrirase hoxe con Cris, pequeña valiente, a cargo da compañía andaluza El Espejo Negro (Andalucía). Cunha duración aproximada de 65 minutos, combina teatro de actor e monicreques para narrar a historia de Cristina, «unha nena que ao nacer pensaron que era un neno. Si, un neno... Cris, que é como lle gusta que a chamen, é unha nena trans, sorrinte e intelixente que loita polo seu dereito a ser a persoa que é e sente. Desexa ter un futuro cheo de liberdade e oportunidades para medrar e desenvolverse coma calquera outra nena da súa idade».
Premio MAX 2022 ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou para público familiar, premio FETÉN 2021 ao mellor espectáculo e premio do público MIT Ribadavia 2021, a peza está recomendado a partir de 6 anos e público adulto.
O vindeiro tocaralle a quenda a As pitas baixo a choiva, de Teatro dos Ghazafelhos, mentres que o 16 de outubro tomará o relevo A cazola de Lola, de Tanxarina, e o 23 a Camiño de historias, de Migallas Teatro, para rematar o mes con Soy una nuez, dos cataláns Zum Zum Teatre. Xa en novembro, o día 6, ELA, de Caramuxo Teatro; o 13, Tarzán en el diván, pola compañía vasca Mar Mar Teatro; e o 20, volverán os monicreques, neste caso de Anita Maravillas e Portal 71, para clausurar esta edición con Las Cotton.