O Museo de Pontevedra programa obradoiros e conferencias polo Día Europeo da Arte Rupestre

VEN A GALICIA

Dende este mércores e ao longo dos vindeiros días, o Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre, efeméride que se conmemora oficialmente o 9 de outubro, con distintos actos. Así, mañá, desenvolveranse varios obradoiros sobre tecnoloxía prehistórica e arqueoloxía experimental a cargo do arqueólogo e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria, José Aurelio García Munúa. Dous están dirixidos a centros escolares, de tal xeito que A natureza, o supermercado da Prehistoria centrarase en como no Paleolítico se obtiñan recursos sen modificar a súa contorna, mentres que O primeiro graffiti «achegarase aos procedementos das e dos artistas paleolíticos e comprenderá o proceso intelectual que hai detrás da concepción e o deseño dos útiles de pintura».
Xa pola tarde, as actividades dirixiranse a familias con crianzas a partir de 8 anos con Pel para vestir e moito máis, no que se abordará como a caza era no Paleolítico superior un recurso de primeira orde, no que se aproveitaba integramente as pezas cazadas. Os participantes poderán montar un bastidor cunha pel de cervo.

As actividades continuaran o 11 de outubro coa conferencia Investigacións sobre o contexto da pintura rupestre esquemática no noroeste peninsular, a cargo da arqueóloga e profesora Beatriz Comendador. «Esta palestra ten como obxectivo achegar ao público o fenómeno da pintura rupestre postpaleolítica, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre peninsular», destacaron dende o Museo.