Andrea Varela: «Noia sempre viviu cara o mar e necesitaba dedicarlle un museo»
VEN A GALICIA
A encargada das instalacións destaca que os restos da muralla son as pezas que máis chaman a atención
04 oct 2022 . Actualizado a las 04:47 h.Despois do peche do antigo para a súa demolición no 2017, Noia recuperaba o pasado mes de xullo o seu Museo do Mar, un edificio que busca non só destacar o estreito vínculo que a vila ten coa pesca e o marisqueo, senón que pretende tamén sacar á luz a historia da localidade. Faino a través de pezas orixinais e réplicas, ao tempo que conta cunha parte interactiva que chama a atención dos visitantes. A encargada das instalacións, Andrea Varela, destaca a boa acollida que está a ter o contido do inmoble nesta etapa inicial da súa andaina.
—Que pretende amosarlle aos visitantes o novo Museo do Mar de Noia?
—Busca explicar a vinculación que a vila ten co mar e argumentar a petición que hai enriba da mesa para que o marisqueo sexa declarado patrimonio inmaterial. Tamén ofrece interesantes restos arqueolóxicos.
—Cales son os contidos que máis están chamando a atención dos visitantes?
—Nada máis entrar, os visitantes fíxanse nas ruínas da muralla, o que leva a moitos a preguntar pola historia da vila. Tamén interesan moito os motores de embarcacións e a parte dixital, que permite acceder a recreacións para ver como foi evolucionando Noia desde a súa creación. Hai quen se fixa tamén nas pantallas que ofrecen información sobre os personaxes históricos da localidade.
—Cal é o perfil dos visitantes do museo?
—Durante o verán recibimos a visita de persoas procedentes de diversos puntos da península, sobre todo madrileños, andaluces, cataláns e vascos. Tamén se achegaron algúns estranxeiros, fundamentalmente franceses e italianos.
—E os noieses, non se animan?
—Tamén veñen, aínda que en menor cantidade. O que ocorre é que os veciños da zona non requiren a miña axuda, pois o museo está preparado para ser visitado de forma autónoma. Veñen moitos mariñeiros e mariscadores.
—Tiña Noia necesidade deste Museo do Mar?
—Noia sempre viviu cara o mar e necesitaba dedicarlle un museo. Non hai que esquecer que o marisqueo é un dos seus principais motores económicos.
—A que público se van enfocar as instalacións pasado o verán?
—De momento, o edificio seguirá abrindo co horario actual (de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas, e os fins de semana só pola mañá), pero a idea é enfocalo a partir de outubro a outros grupos, como estudantes. De feito, houbo xa varios mestres que se achegaron para preguntar polas posibilidades de organizar visitas guiadas. Pode resultar interesante tamén para centros formativos relacionados coa industria naval, pois exhíbense motores O Forte e Ayón, os dous patentados aquí.
—Persoalmente, que é o que máis lle gusta e todas as pezas que se exhiben?
—O que máis me chamou a atención a primeira vez que vin o contido do museo foron os restos da muralla. Tamén me parecen moi interesantes os motores, polo significado que teñen. Paréceme incrible que naquela época de escasos recursos, esta industria fora tan importante na localidade. E logo está a recreación da vila, desde o Neolítico ata a época actual.
—Aínda que non hai moito que o museo abriu as súas portas, xa estreou o seu anecdotario particular?
—Pois o certo é que si. Parte da colección que se exhibe no Museo do Mar conseguiuse coas doazóns que fixeron os veciños e, en ocasións, algúns achéganse aquí para ver as súas pezas. Un día chegou unha familia preguntando pola roda da Barquiña e contoume que pertencía a un antigo muíño da súa propiedade. Tamén me resultaron moi interesantes as conversas con Manolo de Roque, que ten réplicas de embarcacións aquí expostas e me contou a historia que hai detrás de algunha delas, como a dun barco que naufragou aquí en Testal.