Patrocinado por

Primeiras doses de FIOT 2022: Variedade e, en xeral, bo gusto

Santi Pazos

VEN A GALICIA

BASILIO BELLO

ESCRIBE SANTI PAZOS | Penso que nin tan mal. Tivemos comezos de peor calidade (...) Xa veremos

04 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na introdución que abre o programa, din os organizadores que «atoparemos voces que descobren, transgresoras, que comparten, que loitan, que fan rir, novas, que aman, que berran, miúdas, que curan, que namoran... E todas elas collen neste FIOT». E se analizamos as actividades que vimos esta fin de semana en Carballo podemos confirmar que houbo variedade e, en xeral, bo gusto. Aínda que, entre tantas voces, a min faltoume a da amizade, a do profesor José María de La Viña, con quen durante tantos anos confrontaba pareceres e discursos teatrais. Como diría el, pasen e lean...

A estrea de Wombo Combo con Galeatro énchenos de orgullo por moitos motivos. A progresión deste proxecto profesional de teatro, feito en Carballo, no que tanto traballo e ilusión poñen Alba Bermúdez e Tone Martínez, nesta ocasión acompañados por Mario Rodríguez e dirixidos por Davide González, é digna de eloxio. E se por riba, a presentación escénica e o vestiario de Anahi Taraburelli impacta e consigue transportarnos con facilidade da realidade á virtualidade, se os actores impoñen un ritmo fiable que nos conduce a aceptar con credibilidade que xa vivimos nesa dualidade existencial, e se a dramaturxia de Paula Carballeira, tan clarividente, avisa que temos que deixar aos rapaces vivir no seu tempo virtual sen que esquezan que o mundo real é bastante máis atractivo, só nos queda darlle un aplauso e desexarlles éxito.

Cando os nenos mandan

«Que asco!» berrou unha nena cando Fran Rodríguez, de Pedras de cartón, anunciou que Romeo e Xulieta, representados por dous tubos de cartolina, dábanse un bico. Nada dixera antes, cando lle estaban a contar un lote de mortes e traizóns, tan frecuentes nas obras de Shakespeare. Estaba máis atenta, e ría a esgalla, cando o actor puña voces estridentes ou pronunciaba onomatopeas extravagantes. O intento de achegar o teatro clásico aos cativos non é mala, pero os ríos da pedagoxía non han de levar sangue, senón auga clara.

ANA GARCIA

Un gran descubrimento foron as habilidades coas buxainas de Guillem Vizcaíno, Compañía D’Es Tro. Teatro de Rúa participativo que persigue manter vivos aqueles xogos nos que virtuosismo e intelixencia ían unidos. Non cabía unha palla na Praza. Un pracer para todos os sentidos. Merece un premio e volver cando queira.

VANESSA RÁBADE

Xusta homenaxe, doutro lado, a Pedro Brandariz, home traballador que tiña como ADN unha humanidade inmensa e moita capacidade de superación. O público fioteiro e os compañeiros de profesión responderon como merecía. Isabel Risco, Fran Rei, Caxoto, Víctor Grande, Pablo Díaz e, entre outros moitos, Antón Reixa, creativo coma sempre e moi emocionado, recordaron a ese amigo que sempre estaba disposto a embarcarse en travesías teatrais de todo tipo.

Los artistas, al final de la gala, y Brandariz, en la imagen de fondo
Los artistas, al final de la gala, y Brandariz, en la imagen de fondo BASILIO BELLO

Podía contar moitas anécdotas que vivín con el. Como cando fun a reclamar na Oficina do Consumidor da Coruña e encontreino detrás do mostrador atendendo solícito a unha señora. Estaba facendo unha substitución temporal porque o traballo de actor aínda non lle daba para poder subsistir. Os contadores de historias en galego que viñeron a renderlle respecto aproveitaron para crear unha Asociación de Narración Oral (NOGA) que loitará por manter viva esta marabillosa tradición. Benvida sexa.

Gala de narración oral con el colectivo NOGA
Gala de narración oral con el colectivo NOGA BASILIO BELLO

Marta Iglesias e Tito Rober fan improvisacións para escachar coa risa. E se o digo eu, que son coma un toxo, pódenmo crer de verdade. Non se enganen, facer un monólogo en condicións é un privilexio que escasea. A maioría pensa que é pan comesto, pero están equivocados. Vicente Mohedano, por exemplo, constrúe un discurso de divulgación científico-social que engancha e conciencia. Fala de Epicuro, de liberdade, autocoñecemento ou sentido de comunidade, e deixa unha nítida mensaxe: «Cando consomes en exceso, ti mesmo te convertes en mercancía». Xenial.

Vicente Mohedano. O seu monólogo acompañouse de lingua de signos
Vicente Mohedano. O seu monólogo acompañouse de lingua de signos ANA GARCIA

Sen embargo, a Alberte Montes, que por certo fala pestes del, escríbelle os monólogos o seu s(ogro), e Marta Doviro rematou cun rap ben composto para ver se así esqueciamos todo o que penosamente escoitaramos anteriormente. En xeral, penso que nin tan mal. Tivemos comezos de peor calidade, mais este ano coincide con anticiclón cando precisamos de auga. (Bendita e ben contada). Xa veremos... Saúde y larga vida…

Alberte Montes
Alberte Montes ANA GARCIA