Patrocinado por

Teatro e traxes tradicionais esta fin de semana na axenda cultural da Illa de Arousa

La Voz A ILLA / LA VOZ

VEN A GALICIA

O venres actuará Ibuprofeno Teatro e o sábado, a Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra desfilará no auditorio

04 oct 2022 . Actualizado a las 16:20 h.

A Illa de Arousa ofrece esta fin de semana dúas citas coa cultura. O venres día 7, ás 21 horas, subirase ao escenario do auditorio municipal Ibuprofeno Teatro para poñer en escena a obra Smoke on the water. A función inclúese no programa da Deputación de Pontevedra «Tornar ás táboas» e a entrada é de balde.

Entre o elenco actoral figuran dous actores ben coñecidos na Arousa, como é o caso de Belén Constenla e Josito Porto.

Smoke on the water conta a historia de Ritchie (Blackmore), que vive ancorado no rock and roll de los 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. Este status quo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie.

 

Trinta traxes

Ao día seguinte, o sábado 8 de outubro, a partir das seis da tarde, no auditorio desfilarán traxes rexionais a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra. Esta asociación presenta o seu novo proxecto «Cando todos os camiños ían a Compostela: As influencias dos distintos camiños de Santiago na nosa indumentaria» dentro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Os diferentes camiños de Santiago foron unha das grandes fontes de influencia para a indumentaria tradicional porque, a través del chegaron tecidos e prendas de lugares foráneos que acabaron sendo adaptadas á vestimenta autóctona: panos de Béjar, os mantóns de Manila, o veludo francés ou os grandes panos de Paisley escoceses.

Con espectáculo que agora chega a A Illa, haberá oportunidade de percorrer os lugares polos que pasan os camiños de Santiago a través de trinta traxes, todos eles antigos ou fieis reproducións de orixinais.