Patrocinado por

Lugo recupera a tradición do mercado da olería

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Mercado de olería na Mosqueira de Lugo nos anos vinte do pasado século
Mercado de olería na Mosqueira de Lugo nos anos vinte do pasado século RUTH MATILDA ANDERSON

De venres a domingo poderase ver en Santo Domingo unha mostra de pezas deste oficio de diferentes partes de España

06 oct 2022 . Actualizado a las 19:53 h.

O San Froilán de Lugo vai a recuperar este ano a Feira de Olería Lugo Tradicional, que se inaugura este venres 7 de outubro, ás 13.00 horas, e que se poderá ver na Praza de Santo Domingo ata o domingo 9. Durante o acto inaugural haberá unha demostración a cargo do oleiro de Gundivós Elías González, que mostrará o proceso de elaboración desta afanada olería, fabricada na primitiva roda de man.

O proxecto, segundo o comisario da mostra, Ricardo Fernández, xorde pola importancia que ten a olería tradicional en Lugo, «algo que forma parte da identidade da sociedade lucense, unha sociedade apegada ás súas tradicións que valora as súas raíces ás que está moi apegada»

De aí nace a primeira Feira de Olería Lugo Tradicional (FOLT), «un proyecto que xorde con intención de consolidarse como unha das feiras referentes no Estado sobre esta materia, e nunha atractivo turístico máis dentro da programación de San Froilán».

Durante tres días poderase ver olería tradicional de 11 zonas de España: A Coruña, Badaxoz, Cáceres, Castellón, Cidade Real, Córdoba, Xaén, Lugo, Ourense, Toledo e Zamora (cunha importante presenza da olería galega), convertendo a praza de Santo Domingo nun atractivo escaparate de formas e cores.

«Con iso rescátase da memoria costumes de principios do pasado século, cando as cacharreiras vendían o seu produto fóra da muralla, escenas inmortalizadas por Ruth Matilda Anderson e que agora volveremos ver en Lugo», explica Ricardo.

Unido ao carácter comercial, FOLT é unha feira cun compoñente cultural que a fai diferente ao resto de eventos deste tipo, segundo explica o comisario, xa que se basea  na pureza das tradicionais, e ofrece pezas que poderán adquirir as persoas que visiten a feira.

Algunhas pezas que se poderán ver no mercado de Lugo
Algunhas pezas que se poderán ver no mercado de Lugo

Vasillas destinadas ao lume, ao coidado dos animais, á almacenaxe do gran e viño, á protección da casa, mesmo ao nacemento e morte dos habitantes de cada lugar da xeografía española de onde proceden estas pezas, onde o barro foi un recurso valioso para a supervivencia daquelas sociedades.

«Aí radica o valor cultural de cada peza de barro que poderá adquirirse en Lugo, a pesar da súa humildade, as vasillas que adornarán a praza de Santo Domingo constitúen un documento que recolle unha forma de vida, a dos nosos antepasados, así pues, FOLT, baséase na autenticidade das formas oleiras co que busca converterse nun referente en Galicia e no resto do Estado, e un atractivo turístico máis para a cidade de Lugo», explica Ricardo Fernández.