Patrocinado por

O fútbol marca gol no Salón Teatro: a peza «Recortes» aumenta funcións pola boa acollida do público

M. g. iglesias SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Sandra Alonso

A montaxe do CDG e de Ainé sobre a cara oculta do deporte, que pode verse ata o 23, terá dobres sesións o 15 e o 22

06 oct 2022 . Actualizado a las 23:52 h.

O balón roda no Salón Teatro desde o pasado xoves para amosar a faciana menos coñecida do fútbol a través de Recortes, caneos e outras formas de driblar, a coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) e Ainé. Estes particulares partidos nos que hai xogadores, adestradores, árbitros, directivos e, como non, seareiros, dispútanse de mércores a domingo ata o 23 de outubro. Nos dous últimos sábados —o 15 e o 22— pasarán a ser dobres sesións pola alta demanda de entradas. Os billetes para as novas funcións saen mañá á venda.

A montaxe que abre a tempada da unidade de produción teatral da Xunta está dirixida tanto para o que goza moito do denominado deporte rei como para o que lle gusta pouco ou nada. «Todos se van sentir identificados», asegura Xosé A. Touriñán, actor e tamén un dos responsables da produción executiva. O espectáculo, que ao igual que un partido dura 90 minutos, ademais da cara oculta, pon o foco nas paixóns e fala do ser humano, engade o director da proposta escénica, Tito Asorey. A montaxe traslada sobre as táboas a investigación de Nacho Carretero, que tamén proximamente se converterá nun libro. Así, trátase de teatro documento no que se amosan historias persoais, como futbolistas que viron truncadas as súas carreiras deportivas, o mundo das apostas, o fútbol feminino...

Para amosar esa faciana oculta do fútbol suará a camiseta sobre o escenario «un equipo de primeira», tal é como cualificou o director da Agadic, Jacobo Sutil, ao elenco artístico conformado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. «Ofrecerán un recital non só interpretativo, senón musical», detalla Tito Asorey. «Os que veñan ver o espectáculo van entreterse, divertirse e pasalo moi ben. Onde estou sempre quero que haxa un sorriso», engade Touriñán sobre un espectáculo no que hai caneos: «Hai veces que parece que vén a risa e despois aperta. Outras que chega un drama, pero logo non o é tanto». Con esta proposta, o CDG, dirixido por Fran Núñez, segue co obxectivo de achegar o teatro a todo tipo de públicos.

Por outra banda, desde esta semana as funcións serán inclusivas. En todas as sesión estará en probas o novo sistema de signado, audiodescrición e sobretitulado, así como o programa de lectura fácil. Os mércores hai funcións descontraídas ás 18.00 horas para persoas que buscan un ambiente máis relaxado. Os xoves as sesións son ás 20.00 horas; os venres e sábados, ás 21.00 horas —os sábados 15 e 22 tamén haberá ás 18.00 horas trala boa acollida do público—, e os domingos, ás 18.00 horas. As entradas, que custan 10 euros (6 euros os domingos), poden adquirirse previamente en Ataquilla.com e desde dúas horas antes de cada función no Salón Teatro.

Sandra Alonso

Isabel Garrido, actriz: «Todos coñecemos a cara b do fútbol, pero impresionan os testemuños»

 

m. g. I.

A actriz coruñesa Isabel Garrido empezou a xogar ao fútbol hai ano e medio animada polas súas amigas no CD Marte «para pasalo ben», así que cando veu que había un proceso selectivo para unha obra sobre este deporte non o dubidou. Agora é a única muller no elenco de Recortes, caneos e outras formas de driblar. «Foi un privilexio traballar desde o principio con Tito Asorey», afirma.

—Na presentación do espectáculo dicía que o seu papel ía máis alá de darlle visibilidade o papel da muller no mundo do fútbol.

—Desde o momento en que só hai unha actriz xa ten significado para representar a importancia o fútbol feminino: estamos, pero rodeadas dunha capa aínda transparente que non nos deixa petalo de todo, aínda que vamos por ese camiño. E eu na peza represento o fútbol feminino porque tamén se fala del.

—Cal foi o reto como actriz á hora de introducirse nos diferentes papeis que asume?

—A esixencia noteina na voz. Na esixencia vocal a nivel de canto, pero non só, porque é un partido de fútbol no que berramos, despois facemos canto gregoriano, lírico, un vals, punk... É un cambio de rexistro total e eu non fixera un musical na miña vida.

—Como é esa cara oculta do fútbol? Sorprendeulle?

—Eu xogo o fútbol, outra cousa é que sexa boa ou mala (ri). Obviamente, creo que todo o mundo coñece a cara b, pero unha cousa é sabelo e outra darse conta. Todos e todas sabemos o que hai, pero o que impresiona son eses testemuños reais que achegou Nacho Carretero e que esprememos nesta peza. Máis que o feito, por exemplo, dos amaños no fútbol, é que haxa un testemuño real, de alguén que contou. No fútbol non é todo ¡oe, oe, oe!, e a suar a camiseta, nin moito menos. Trata das luces, das sombras, de criticarse constantemente; propón situacións e despois rómpeas. É unha picaresca constante, que non te deixa estar relaxado. Na butaca relaxado non vas poder estar.

—O espectáculo vai máis aló do fútbol.

—É unha montaxe sobre a paixón, sobre o amor, sobre cousas que non se poden explicar con palabras e que hai que buscar outro xeito para poder explicalas. Recortes é a mestura da paixón co amor, coa rabia..., con todas as cousas que non se poden explicar con palabras, por iso vai máis alá do fútbol. Hai discursos de amor ao fútbol que a xente se emociona porque fala do que todos sentimos. Non fai falla ser futbolero ou futbolera para que che guste o espectáculo. De feito, se o odias gustarache porque hai unha crítica real e porque toca cousas que todos e todas temos que van máis aló do deporte.

—Xa rematou a primeira semana de representacións en Santiago. Como responde o público? Foi como agardaban?

—O público é o que pecha todo o espectáculo, por iso traballamos. A verdade é que está gozando moitísimo. Son moitos os que quedan despois de rematar a representación para falar con nós, para darnos a súa opinión. Hai moita emoción e alguén nos dixo que non podía estar quieto na butaca, que estaba en tensión todo o tempo. Iso é unha marabilla, provocar esa sensación no público tanto positiva como negativa. Aquí estamos para provocar sensacións.

O ciclo «Quintas do Camões» achegará dous espectáculos en portugués este mes e en decembro

 

 

O CDG programa una nova edición do ciclo de espectáculos en lingua portuguesa «Quintas do Camões» en colaboración co Camões-Centro Cultural Português. A primeira cita será a final deste mes. Os días 26 e 27 poderá verse no Salón Teatro Achadiço, do Teatro Nacional São João, con texto, dirección e interpretación a cargo de Nuno Cardoso. A segunda proposta chega o 1 de decembro. A Companhia de Teatro de Braga representará Calígula, de Albert Camus. Manuel Guede encárgase da dirección.

O ciclo «Quintas do Camões» enmárcase na aposta do CDG por estreitar a colaboración entre as artes escénicas de Galicia e Portugal entendéndoa como unha vía para reforzar a identidade común. A iniciativa diríxese tanto ao alumnado que está a aprender portugués como ao público en xeral que estea interesado na lingua e na cultura lusas.

Dúas producións propias

Por outra banda, o CDG na súa tempada ten prevista outras dúas producións propias ademais de Recortes, caneos e outras formas de driblar. En febreiro estrearase Shakespeare en Roma, que conta con catro equipos de dirección. En abril chegará Un hotel de primeira sobre o río, con codirección de Gonçalo Guerreiro e María Torres. A inversión supera os 600.000 euros. En total serán 110 funcións.