Galicreques enche Santiago de marionetas entre os días 8 e 16 con máis de 60 funcións de 26 compañías
VEN A GALICIA
«Necesitamos investigar para conectar co público adulto e coa xuventude», explicou o director do festival, Jorge Rey
06 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Os monicreques ocuparán escenarios, rúas e prazas de Santiago entre este sábado 8 e o domingo 16 da man da 27.ª edición do festival internacional Galicreques, que programa máis de sesenta funcións de 26 compañías e artistas. O encontro reúne tanto a agrupacións galegas e do resto de España como chegadas de outros oito países, caso de Uruguai, Arxentina, Portugal, Perú, Brasil, Chile, Ecuador e Italia. Unha cita non só pensada para a cativada, senón tamén para o público adulto, no cal fará especial énfase este ano coa creación da sección «Cara Bé». «Necesitamos investigar para conectar co público adulto e coa xuventude», explicou o director do festival, Jorge Rey, que engadiu que tiveron que incrementar as funcións escolares inicialmente previstas debido a elevada demanda.
O programa deseñado pola asociación Barriga Verde inclúe cinco estreas absolutas e cinco espectáculos inéditos en Europa. Entre as montaxes que se poderán ver por primeira vez en Santiago está Tolo, unha coprodución da compañía galega Cinema Sticado e da turca Tiyatro Eksen co Centro Dramático Galego (CDG), que se encargará de baixar o pano do festival o domingo 16 no teatro Principal. Outra das propostas novas é Treboada, da formación franco-galega Nauta. A compañía portuguesa Caricata estreará Mil e uma; as narradoras galegas Olga Abad, Raquel Queizás e Carmen Domech, Carapuchiña vermella; e Mircromina Teatro, Raio de Lubicán. Dende Arxentina, Uruguai e Perú recalarán obras inéditas en Europa.
O festival ofrece unha variada proposta de espectáculos en canto a técnica empregada e a combinación con outras artes escénicas. Deste xeito, as funcións de bonecos xigantes conviven no programa con outras de luva e variña, marionetas de fíos, siluetas e sombras ou aqueles que crean personaxes con distintas partes do seu corpo.
Para lonxe irá o premio de honra Galicreques desta edición, xa que recaerá na compañía arxentina Tres Tigres Teatro. Segundo destacou Jorge Rey, ao seu gran traballo escénico engádenlle o compromiso social con proxectos con múltiples colectivos.
Tanto desde o Concello de Santiago como desde a Xunta, que colaboran xunto con outras institucións na organización, destacaron a Galicreques como punto de referencia máis alá da capital galega e unha cita xa moi consolidada. «O festival colócanos a nivel internacional», afirmou a concelleira de cultura, Mercedes Rosón. Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, resaltou que se trata «dunha das programacións máis importantes de monicreques de Galicia e de España».
«Queremos enganchar tamén á mocidade e ao público adulto que se resiste a vir»
A principal novidade desta edición de Galicreques é a posta en marcha de «Cara Bé», que identificará as obras que están destinadas aos adultos. Deste xeito, o festival busca acabar coa idea de que os monicreques unicamente están orientados á cativada. «Queremos tratar de enganchar á mocidade e ao público adulto que se resiste a vir», subliñou Jorge Rey. Neste senso, explicou que a partir dos 12 e 13 anos, a rapazada deixa de ir e despois ese público recupérano cando son pais e nais. «Nós queremos que veñan cos fillos, pero que tamén veñan eles», resalta o director. Neste proxecto de «Cara Bé» están incluídas máis de media ducia de propostas, entre as que se atopa un espectáculo de varietés no que intervirán compañías e artistas que actuarán ao longo do festival. Será o venres 14, ás 22.00 horas, na alameda compostelá, un dos espazos emblemáticos de Galicreques.