Patrocinado por

Así se teitan as pallozas do Piornedo, unha tarefa en vías de extinción

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

O Vello Cárcere acolleu unha demostración da milenaria labor artesá no marco do San Froilán

06 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os teitadores de pallozas son algo así como unha especie en perigo de extinción. A tradición milenaria de dar vida aos senlleiros teitos de palla esmorece esgotada pola falla de material e de man de obra cualificada. Conta Juan González, teitador profesional, que en todo Os Ancares apenas quedan sete ou oito teitadores e o relevo non está garantido. Máis ben ao contrario. «Teño un compañeiro duns 35 anos que xa o fai e el ten un fillo pequeno ao que está aprendendo, pero non é o habitual», di mentres traballa os colmos (mollos) cos que ensina como teitar unha palloza.

Con gallo do San Froilán de Lugo, Traxandaina organizou a sexta edición do programa Cultura e tradición no Camiño, unha iniciativa que, desta volta, inclúe a demostración de teitado. No patio do Vello Cárcere viuse en directo un proceso arduo e custoso que comeza coa malla, feita dende tempos ancestrais con males de acivro ou abraira.

Logo de mallar o centeo, o primeiro é escolmar, é dicir, escoller as pallas longas e retirar as rachadas, xa que estas non valerán. A medida que se vai facendo o proceso, esa palla elixida xúntase en puñados e os puñados dan vida aos colmos, que non son outra cousa máis que feixes de palla dun tamaño considerable que serán os que darán vida ao teito.

Nun proceso tan artesanal como o teitado do Piornedo, non é de estrañar que ata os colmos se aten con brincallos, que son como cordas feitas de palla mollada e retorcida.

Co material preparado, comeza a colocación dos colmos sobre a estrutura do teitado, feita a base de cangos, que son como vigas que se colocan cun metro de separación, e os ripios, paus transversais que se suceden cada 25 centímetros. Cada colmo vaise colocando sobre esa estrutura e, axudado dunha paleta de madeira. Juan comeza a darlle xeito. Un bo teitado é aquel no que a lonxitude da palla apenas se ve. O idóneo é que pareza que só se ve o final de cada palla. Iso será unha garantía de que a auga non entrará.

Unha vez colocado colmo sobre colmo, faise o remate, tamén cunha capa de palla cunha especie de trenza para suxeitala. «Teitar un só metro cadrado require uns doce colmos, e cada colmo vale 5 euros máis IVE», explica Juan. En números redondos, cada metro cadrado de material sae a uns 60 euros, e cada palloza pode rondar os 200 ou ata os 300 metros. A tradición milenaria sae cara, pero é unha garantía. «O teito pode durar uns 15 anos», explica o profesional.

Un obstáculo tras outro

Sobre a tradición milenaria do teitado das pallozas do Piornedo penden varios perigos. O primeiro é a falta de material. «O máis difícil de lograr é a palla, e na nosa zona, entre o xabaril e que as fincas son pequenas, todo se complica», explican Ernesto, outro teitador.

O outro gran obstáculo é a perda do propio saber. En todo o Piornedo quedan pouco máis de media ducia de persoas que dominan o oficio, e o relevo non está garantido. «Eu aprendín alá polo ano 2000. Ensinoume Manolo Santín, de Chan de Vilar», describe Juan. Hoxe en día, conseguir que un teitador experimentado teña un oco libre é como lograr cita cun fontaneiro.

Para reverter o esquecemento e manter vivos os saberes, a Asociación Teitos do Piornedo traballa sen descanso para sacar adiante centeo e recuperar os saberes do cultivo. Con cursos, tentan expandir a milenaria tradición.