O turismo e o patrimonio subacuático, un novo motor para a Costa da Morte
VEN A GALICIA
O proxecto Rimartes, promovido polo GALP, celebrou un encontro en Malpica
08 oct 2022 . Actualizado a las 09:12 h.Aproveitar o patrimonio subacuático. Todos os recursos que se atopan no fondo do mar. Pecios e restos de naufraxios rexistrados nas costas galegas décadas e séculos atrás. Porque as traxedias esconden lendas e historias que merece a pena recuperar. E esa é a máxima do proxecto Rimartes (Riquezas do mar, tesouros do profundo) que impulsan tres grupos GALP —Costa da Morte, Costa Sostible e Golfo Ártabro Sur.
Nesta ocasión, foi o municipio de Malpica o que acolleu un encontro que serviu para poñer en valor a riqueza única e singular dos fondos mariños que se atopa nesa zona da costa galega. Co turismo como columna vertebral. Por iso, o presidente da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso, non dubidou en insistir: «Pensamos que está case todo por facer, falta unha profesionalización absoluta e entender o destino turístico como un único produto». Porque na Costa da Morte, «podemos presumir, temos de todo», pero tamén carencias. Ó seu xuízo, «fáltanos autoestima, crer máis no noso produto». Un destino valioso que agora incorpora os fondos mariños a través de Rimartes. Un acerto, segundo Formoso, porque «o mergullo é unha das pezas clave que encaixa no noso destino».
En relación ás posibilidades do turismo subacuático na zona, o xerente de Buceo Malpica, Tono García Montes, detallou: «Creo tanto nisto que montei unha empresa de mergullo». Un momento, oito anos atrás, no que «non había esa cultura en Malpica, pero cos anos a xente entendeu que isto non se fai para sacar algo do mar, senón para ver e contemplar o que hai nos fondos». E así, froito do que el mesmo cualifica como «unha pequena casualidade», García descubriu os restos do Solway, un mercante inglés afundido en Baldaio en 1843. «Atopei unhas pezas de bronce e, partir de aí, comecei a ir e a investigar. Desde ese momento, para min é un museo no fondo do mar», lembrou.
Recompilación histórica
O libro Náufragos de antaño recolle a realidade histórica dos afundimentos rexistrados na Costa da Morte no século XIX. O seu autor, o psicoterapeuta Juan Campos, resumiu: «Me centré en los más famosos o importantes, por el número de víctimas u otras razones». Campos puxo en valor que «la historia ayuda mucho a disfrutar de lo que se ve. No ves igual el paisaje si conoces la historia». E puxo como exemplo, «saber lo que pasó con el Great Liverpool en Gures, con el Serpent o el Solway. Cuando uno mira al mar y conoce las historias que hay detrás, uno no ve lo mismo y eso atrae».
Ao outro lado do Atlántico, nas cálidas augas caribeñas, a empresa Dressel Divers International, comprace os intereses dos mergulladores máis expertos. «El Caribe también tiene una gran historia de naufragios, pero necesitas que alguien te explique lo que ves», explicou Víctor Córdoba, director de RR.HH. da compañía. Alí, «se suelen hundir barcos militares, que están para el desguace, para que haya esa estructura de barco reconocible. Así, los buceadores siempre tendrán interés en ir a descubrirlo».
Un interese que, con seguridade, en Galicia tamén irá medrando ao abrigo de Rimartes.
«Amosa algo que ata o de agora era ben descoñecido para a xente que non o practica»
Sobre as posibilidades que ten o turismo subacuático na Costa da Morte, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, apuntou que «desde o Concello creemos que pode ser unha nova potencia porque mostra algo que ata o de agora era ben descoñecido para a xente que non practica, por exemplo, o submarinismo». Parga non perdeu a oportunidade de presumir das «verdadeiras belezas que hai nas nosas profundidades» e de poñer en valor a importancia de que «alguén nos amose todos eses atractivos porque do contrario sería moi difícil que chegásemos a velo ou a imaxinalo».
Na mesma liña, a responsable da área de Cultura e Patrimonio, Noelia Freijeiro, explicou que «é un plan que nos pareceu súper interesante» porque permite «dar a coñecer ese patrimonio descoñecido». Na súa intervención a concelleira tamén subliñou que a iniciativa «é unha nova maneira de chamar á xente para que veña gozar doutro tipo de turismo».
Ao abrigo de Rimartes, emerxe un atractivo máis a unha ampla zona de litoral galego —o plan comprende o litoral que vai desde Bergondo ata Porto do Son— e ese foi un dos aspecto nos que afondou Samuel Rodríguez, técnico do GALP Costa da Morte: «A nivel no só Galicia, senón tamén europeo, o tema do patrimonio mergullado é un gran valor que hai para mostrar ó mundo e que non estaba explotado».
Baixo esa premisa, os tres GALP, traballando de forma coordinada, fomentan o protagonismo «aos actores do territorio, á xente da zona». Porque reactivar a economía das zonas pesqueiras é un dos grandes obxectivos dun plan que tamén inclúe un gran compoñente medioambiental. Nese senso, Rodríguez sostivo: «Nesta zona, concretamente nós, na Costa da Morte, temos unha vantaxe, porque as axudas do fondo marítimo van cada vez máis ao tema do sostible. E neste sentido non temos unha zona sobreexplotada, todo o contrario, presumimos dos nosos valores medioambientais. Temos unha ventá única que nos abre ao mundo e nós, con este pequeno grao de area queremos que sirva para revitalizar a nosa zona». Resumiu Parga: «Con Rimartes creo que se vai conseguir que a xente se interese cada vez máis e máis por iso». Un patrimonio subacuático ata o de agora descoñecido para unha gran maioría de veciños a pesar de vivir moi preto do mar.