















Máis de mil bonecos escenifican a vida no campo, no burgo, nos mosteiros e nos castelos na Galicia do século XV, ademais dos grandes asaltos ás fortalezas, na exposición que está aberta no MIHL ata o día 28
11 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.As revoltas irmandiñas son un dos episodios máis emblemáticos da historia de Galicia. Achegarse a el dunha forma amena, divertida e tamén espectacular é un dos obxectivos da exposición A Revolta dos Clicks, na que máis de mil clicks —os famosos bonecos de playmobil— de coleccións privadas de Lugo e A Coruña recrean a vida na Galicia do século XV, a finais da Idade Media. A mostra está organizada por Aesclick (Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil), un colectivo sen ánimo de lucro e implicado de xeito permanente en causas solidarias, como colaboracións con distintas oenegués ou co propio hospital de Lugo.
A exposición, que estará aberta no MIHL ata o día 28, e que rexistrou xa máis de 6.000 visitas, está estruturada en cinco dioramas: un central de vinte metros cadrados e catro de catro metros cadrados. «Quixemos expoñer como era a vida das distintas clases sociais nesa época», explica Xabi Salgueiro, de Aesclick. «Nun dos dioramas exponse a vida dos labregos; noutro, a igrexa e o día a día nos mosteiros; hai outro para o burgo ou vila, con artesáns, burgueses...; e un cuarto sobre a vida nobre e os castelos. O diorama grande está reservado para as revoltas irmandiñas, con asaltos ás fortalezas e tumultos nas vilas contra o poder feudal, cun espazo para a última gran batalla ás portas de Compostela», continúa.
Repaso histórico
Esta exposición pretende ser unha continuidade da mostra que acolleu o MIHL o ano pasado, A historia de Galiza, a golpe de click, que percorría dende o Xurásico ata o Medievo, e a idea é continuar co repaso histórico o ano que vén.
A mostra conta cunha audioguía, que se poderá escoitar escaneando o código QR habilitado en cada unha das zonas da mostra.