Patrocinado por

Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa bótanse ao Camiño

La Voz

VEN A GALICIA

Santi M. Amil

O escritor e o músico participan nun espectáculo que se poderá ver este xoves no Liceo

11 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 13, 15, 29 e 30 • Diferentes horarios • Liceo de Ourense, A Gudiña, Xunqueira de Espadanedo e Esgos • De balde • Hai só uns días que remataba en Nigrán a itinerancia do espectáculo «Cantanta e fuga para Carlos Casares» e os seus protagonistas xa teñen novo proxecto preparado. O escritor Xosé Carlos Caneiro e o músico Emilio Rúa botaranse ao Camiño na súa nova proposta. A serie de recitais-concerto «Contos e cantares no Camiño» foi presentada este luns na delegación da Xunta en Ourense nun acto no que estiveron acompañados polo delegado do Goberno galego, Gabriel Alén. A montaxe conta co patrocinio do Xacobeo 21-22. Desta volta será un espectáculo no que se mesturan música, poemas e relatos e as actuacións desenvolveranse en lugares por onde pasan os diferentes camiños a Compostela. Serán seis sesións, das cales catro desenvolveranse na provincia de Ourense.

Este xoves, día 13, «Contos e cantares no Camiño» estará no Liceo ourensán, a partir das 20.00 horas. O sábado, día 15, o albergue de peregrinos A Casa da Viúva, de A Gudiña, acollerá o espectáculo a partir das 19.00 horas. Caneiro e Rúa estarán no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo o día 29, ás 20.00 horas, e o 30 rematarán a itinerancia ourensá en san Pedro de Rocas (18.00 horas).

Arzúa, o día 28 de outubro, e Vigo, o 5 de novembro, completarán o calendario de actuacións.

«O espectáculo pretende compartir as emocións do Camiño coas emocións de dous artistas coma nós», segundo sinalou Caneiro.