Patrocinado por

«Neste museo non só se custodia e expón arte gráfica, tamén se ensina e se crea»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

CARMELA QUEIJEIRO

Xoán Pastor Rodríguez destaca, como gran logro do Museo de Artes do Gravado, a proxección internacional que acadou

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o ano 2017, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría dirixe o gran referente de Barbanza a nivel artístico, o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital. O centro, que atesoura obras de creadores do máis alto nivel, reivindica tamén o valor do rural fronte ás grandes urbes.

—Dirixe un museo con só 20 anos de historia, pero de gran relevancia a nivel nacional e internacional. Impón tanta responsabilidade?

—Calquera traballo impón a responsabilidade de realizalo o mellor posible e tentei dende hai seis anos entregarme con moita forza a este Museo do Gravado, que non só ten unhas grandes coleccións, senón tamén unha forte presenza fóra de Galicia a través do Premio Atlante e dos préstamos a outras institucións. É moita responsabilidade, mais con vontade e traballo todo se vai facendo.

—Que destacaría da evolución da institución ao longo destas dúas décadas?

—Moitas cousas salientaría, dende a creación do Premio Atlante, a súa proxección internacional; as obras de mellora nas instalacións; a creación da Biblioteca Ilustrada; as colaboracións con concellos da comarca e con entidades culturais como Barbantia, que permitiu crear unha exposición de moito éxito, BarbantiaRte; o aumento das grandes exposicións e da edición de catálogos que as conservan para o futuro; e a catalogación dos fondos que se realiza anualmente, pois medran continuamente. Tamén o aumento de doazóns de artistas a nivel nacional e internacional, que depositan as súas obras aquí.

—Cal e o seu traballo como director do museo?

—O meu traballo é todo: dende atender as visitas e guialas a levar a parte administrativa, o que supón xestionar subvencións e novas exposicións ante as distintas Administracións; elaborar os catálogos; organizar o Atlante; montar mostras; atender aos usuarios da biblioteca; comisariado de exposicións; organizar cursos de gravado dentro e fóra do museo…

—Que tarefa lle gusta máis?

—Todas as tarefas teñen o seu aquel, mais a relación co público é quizais a que máis satisfacción devolve. Cando mostras os fondos do museo e lle fas chegar a riqueza tan variada do mundo do gravado e ves a súa sorpresa de que na aldea máis pequena de Ribeira se atope este tesouro. Pero isto leva consigo traballos menos gratos: xestionar, montar, enmarcar e andar á procura de subvencións.

—Cumpriu o museo o seu grande obxectivo de dar a coñecer o gravado?

—Os obxectivos nunca se cumpren de todo, porque a riqueza de fondos é moi grande e o mundo do gravado é universal e riquísimo, mais coido que aumentamos o número de visitantes, o diálogo coa sociedade e coas persoas e entidades preocupadas polo mundo artístico e logramos algo moi importante: os obradoiros de gravado impartidos por profesores da Universidade de Salamanca, que achegan novas técnicas aos artistas e afeccionados. Neste museo non só se custodia e expón arte gráfica, senón que tamén se ensina e se crea.

—Ao longo de moito tempo díxose que o museo tiña máis relevancia fóra ca en Galicia, cambiou esta percepción?

—Penso que si, que cada vez o museo é máis coñecido na bisbarra e en Galicia, e tamén en Portugal. Creouse, ademais, no Atlante, un premio especial para gravadores galegos que ten moito éxito.

—Pensa que son conscientes os barbanceses da riqueza que agocha este edificio?

—Cada vez son máis conscientes do valor do Museo do Gravado porque se achegan máis a coñecelo, pero debemos seguir a difundilo e niso a prensa cumpre un gran papel, dando conta das exposicións e actividades que se realizan ao longo do ano. Nestes últimos anos destacamos o aumento de xente da comarca que nos visita e que se sorprende da alta calidade dos fondos.

«A nosa idea é contar cunha sala permanente, onde o visitante se atope coa historia do gravado»

Traballador incansable, Xoán Pastor Rodríguez convive con obras de grandes artistas mentres fixa novos retos para o museo.

—De todas as obras de arte que pasaron polas súas mans, con cales se quedaría?

—Gústame a variedade, os mundos distintos e plurais da arte do gravado, a riqueza de técnicas, e por iso é difícil escoller. Por citar só clásicos: Dalí, Van Dyck, Piranesi, Durero, Rubens, Picasso, Guayasamín, Goya, Toulouse-Lautrec; sen esquecer os grandes gravadores galegos, que son, quizais, a miña escolla preferida: Colmeiro, Laxeiro, Seoane; e por suposto, os gravadores de Barbanza: Castelao, Rafael Baixeras, Alfonso Costa e Manuel Ayaso.

—Cales son os retos de futuro?

—A biblioteca ilustrada necesita un recoñecemento institucional pola súa peculiaridade. Estamos intentando que entre dentro da Rede de Bibliotecas de Especial Protección da Xunta e ese sería un bo logro. A biblioteca está medrando e necesita xa máis espazo. O mesmo ocorre cos fondos do museo, necesítase un novo espazo e a súa reestruturación. A nosa idea é crear unha sala permanente, onde o visitante se atope coa historia do gravado paso a paso e onde se mostren orixinais dos grandes clásicos nas súas distintas épocas. A través de vídeos interactivos, o público poderá achegarse ao mundo da estampa dende as súas orixes.

—Segue a estar enriba da mesa o proxecto dun segundo museo?

—Sería unha magnífica idea ter un novo lugar para a biblioteca ilustrada e para a bibliografía sobre arte, porque as instalacións, boas e aínda con poucos anos, xa se quedaron pequenas. Sería un bo reto para un próximo futuro.

—Que lle gustaría conseguir como director?

—Consolidar o Museo do Gravado como o gran museo que é, facelo máis atractivo, lograr un edificio para a biblioteca ilustrada e levar adiante a escola internacional de gravado.