Arredor de 18.400 persoas visitaron a mostra da Batalla de Brión do Concello de Ferrol feita con figuras de Playmóbil
VEN A GALICIA
Ata 700 figuras estiveron expostas no castelo de San Felipe entre xullo e outubro
18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Preto de 18.400 persoas visitaron a recreación da Batalla de Brión feita mediante 700 figuras de Playmóbil exposta polo Concello de Ferrol no Castelo de San Felipe durante tres meses, entre o 15 de xullo e o 15 de outubro. Moitos dos visitantes da exposición foron escolares dos centros educativos da cidade, que organizaron en horario lectivo excursións á fortaleza para coñecer máis detalles da batalla. Tamén veciños da comarca e multitude de turistas.
Tras o éxito da exposición, e co obxectivo de seguir dando a coñecer a historia de Ferrol e o patrimonio da cidade, o Concello de Ferrol continúa a programar iniciativas similares de cara ao futuro. Así o indicou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, durante a mañá de onte. Os visitantes puideron descubrir escenas chave da historia de Ferrol coma o desembarco británico na praia de Doniños, a lagoa, o propio castelo de San Felipe ou os combates nos montes de Brión. Todo a través de figuras de Playmóbil de soldados e civís xunto ás que se colocaron todos os elementos necesarios para completar a ambientación, como barcos, armas, fauna e edificios. Esta mostra acompañou á exposición permanente sobre a Batalla de Brión, que se pode visitar todo o ano no horario de apertura do castelo, de 10.00 horas a 14.00 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas, de luns a domingo.