Rafael Quintiá, antropólogo: «Na Mariña hai lendas singulares que se entrocan coa mitoloxía grega»
VEN A GALICIA
O venres 21 divulgará en Sargadelos o rico patrimonio inmaterial da comarca
20 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O antropólogo Rafael Quintiá Pereira (Vigo, 1971) exporá este venres en Sargadelos (Casa da Administración, 19.00 horas) o resultado dunha investigación realizada no 2021 sobre o patrimonio inmaterial da comarca. A asociación Mariña Patrimonio impulsou a compilación de lendas, crenzas ou mitos, coa fin de solicitar a catalogación e inclusión desta riqueza patrimonial no inventario oficial da Xunta.
—Que é o patrimonio inmaterial?
—Engloba saberes, coñecementos, crenzas, mitoloxías, tradicións, técnicas e oficios, refráns, mesmo música, a danza e a gastronomía, e por suposto a lingua. Todos os ritos asociados á vida, os ciclos festivos e do paso do tempo. É boa parte do que configura a nosa cultura pero á vez vulnerable, porque non é algo tan físico como un castro ou un mosteiro, máis doados de protexer.
—En que consistiu a súa investigación?
—Realizamos tarefas de prospección e inventariado nos distintos concellos. Mariña Patrimonio tiña especial interese nos aspectos máis vencellados ao mundo da mitoloxía, da relixiosidade popular, dos ciclos festivos rituais… A idea foi compilar a información asociada principalmente a bens patrimoniais, desde santuarios a xacementos, a fin de conservalos.
—Están en risco eses bens?
—O valor dalgúns bens materiais, como un penedo, unha rocha ou unha fonte, débese nestes casos á mitoloxía, ritos ou crenzas que hai arredor deles. De forma que se non se coñece este patrimonio intanxible, que lle dá sentido a estes lugares, poden ser doadamente destruídos.
—Que patrimonio inmaterial puido documentar na comarca?
—Recollimos información en Ribadeo, Barreiros, Cervo, Xove, Viveiro e Trabada. Traballamos sobre lugares asociados á mitoloxía. Pescudamos sobre xeografías míticas como as Pisadas do Encanto, en Ribadeo. Tamén estudamos elementos naturais, como no caso dunha zona de San Miguel de Vilachá, preto da praia, vinculada á lenda dunha cidade anegada. En relación co areal de Fontela-Valea, en Barreiros, comprobamos que se vinculaba á cuestión dos amuletos, os ollomaos. Tamén investigamos sobre elementos arqueolóxicos, como o Marco da Pena Verde, en Trabada. Na zona de San Tirso de Portocelo faláronnos de historias sobre fontes curativas. En Xove hai lugares nos que se elaboraban ritos para esconxurar o mal de ollo.
—Moitas destas crenzas vincúlanse a santuarios ou capelas.
—En Barreiros existen santuarios como Santo Estevo do Ermo ou a ermida de Santa Ana, sobre a que documentamos lendas fundacionais. É interesante a capela de Santa Eufemia, en Trasbar (Cervo), hai mitoloxía arredor dela e a día de hoxe segue a haber unha romería. Tamén investigamos sobre a Cova do Encanto ou da Doncela, en Viveiro.
—Leva moitos anos traballando sobre o patrimonio inmaterial. Que lle chamou especial atención pola súa singularidade?
—Na Mariña hai lendas moi significativas que non atopei noutros sitios. A fundacional da ermida de Santa Ana está entroncada directamente con mitos gregos sobre a creación. Dicíase que ela naceu da perna do seu pai, unha referencia típica da mitoloxía grega. Tamén atopei variantes do mito da moura, relacionados con grandes pedras. No caso da costa lucense, dicíase que ela ía fiando mentres comía castañas cocidas ou asadas. Isto pode parecer trivial, pero non o é se se coñece o patrimonio inmaterial: en Malta documéntase a historia dunha vella que construía os templos megalíticos comendo fabas. Que se falase de que santos chegaban navegando en barcas de pedra, como en San Tirso de Portocelo, é tamén moi interesante.
—As fontes orais tiveron moita importancia neste traballo. A quen entrevistou?
—A xente maior. É unha mágoa porque nalgúns casos sabiamos de bens materiais asociados a lendas, pero ao non haber informantes vivos, non podiamos concretar onde estaban. Outras veces era ao contrario: tiñamos o lugar pero ninguén que contase as historias que lle daban sentido.
—Por que é esencial coñecer o patrimonio inmaterial?
—Canto máis valoramos a diversidade cultural, máis modelos diferentes de estar no mundo coñecemos. E iso é útil: ofrécenos máis posibilidades de sobrevivir. Non é pouco, pois vimos dunha pandemia que non esperabamos. Se só cultivamos patacas, cunha praga colapsamos.
«A festa de Defuntos preparábanos para a morte e con Halloween estamos confusos»
Nesta época do ano, os escaparates, tamén os de Galicia e A Mariña, énchense de referencias a Halloween, mentres que xa apenas se fala do Magosto.
—Sabemos o que celebramos?
—A cultura é algo dinámico, que se fai e se refai constantemente. Hai tradicións que se perden ou que se deturpan. Aquí sempre se celebrou a Noite de Defuntos: servía para lembrar as nosas raíces, aos nosos antergos. E eles viñan a visitarnos, non como pantasmas ou monstros, senón como ánimas. Agora temos de referencia algo que nós, os europeos, levamos a América e que nos vén de volta, convertido nunha festa desvirtualizada e desacralizada. Lembro facer cabazas, calacús, cando era neno. E hai 400 anos, o bispo de Mondoñedo Antonio de Guevara queixábase de que os pícaros pedían doces polas casas. Nin sequera iso do «truco ou trato» é novo. Pero o Halloween non ten moito que ver coa nosa cultura da morte: é como un entroido de terror no que vale todo e no que nos disfrazamos de asasinos en serie da televisión.
—As festas tiñan unha función social.
—Parece que non se lles pode falar aos nenos da morte, pero celebracións como a de defuntos iniciaban aos máis pequenos na súa cultura, facíanlles entender ano a ano que todos imos facernos vellos. A cultura galega neste ámbito é moi rica e somos privilexiados por iso, porque nos preparaba para asumir o trance e vivir de forma responsable. Agora a morte, algo natural, é un trauma que require de atención psicolóxica. A aculturación ás veces fainos máis vulnerables. Neste sentido andamos algo máis perdidos.