Patrocinado por

A fonda pegada de Fuxan os Ventos na Galicia actual amósase en Lugo

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Imaxe dunha actuación de Fuxan os Ventos nos seus primeiros tempos
Imaxe dunha actuación de Fuxan os Ventos nos seus primeiros tempos REBECA

Unha exposición percorre a historia dos cincuenta anos do grupo

22 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sementar sementarei / loguiño de clarear...». Foron moitos os que cantaron esa canción, ben en festas, ben en xuntanzas de amigos ou de parentes. A semente deu froito, e boa parte desa colleita pode verse dende hoxe en Lugo. Sementeira, cuxa letra comeza coas frases do inicio deste parágrafo, é unha das creacións máis coñecidas de Fuxan os Ventos. Apareceu na rúa a finais dos setenta, pero o grupo xa levaba anos labrando na leira da canción galega. A súa orixe tivo lugar hai hoxe 50 anos, e ese medio século de vida reflíctese nunha exposición que se inaugura no centro cultural O Vello Cárcere, de Lugo, a cidade na que se conformou a banda.

A mostra ten un título sinxelo, «Fuxan os Ventos. 50 anos de historia», que acada todo o seu significado. Tal día coma hoxe, en 1972, o grupo actuou no Cancioneiro das San Lucas, festival celebrado co gallo das feiras e festas de Mondoñedo. Fuxan os ventos era o título da canción, que se alzou co primeiro premio, e a formación decidiu, poucas horas despois de coñecer a decisión do xurado, que aquel debía ser o seu nome. Aínda que pasou moito tempo, o proxecto enche un baleiro que recoñece a súa comisaria, Sabela Fraga: malia tratarse dun grupo que fixo historia na canción galega e que converteu algúns dos seus temas en éxitos populares, non se ten feito ata agora una mostra semellante.

Programa das San Lucas de 1972, nas que Folk 72 gañou o primeiro premio do festival  e decidiu cambiar o nome.
Programa das San Lucas de 1972, nas que Folk 72 gañou o primeiro premio do festival e decidiu cambiar o nome. REBECA

O que visite en Lugo O Vello Cárcere —hai un acto oficial de apertura ás doce, neste mediodía, e logo, ás sete da tarde, outro para o público en xeral— atopará información que se cadra xa coñece, pero tamén descubrirá material inédito. Cartaces, fotos e mesmo audios de gravacións en ensaios dos anos setenta e oitenta configuran unha narración que Fraga define como necesaria: Fuxan os Ventos non só foi un grupo que achegou a canción en galego a un público amplo, senón que deixou, di, «unha fonda pegada na historia de Galicia».

De todos os xeitos, a exposición non está concibida como unha concesión a nostálxicos nin como un intento de arqueoloxía musical. O material, cos seus variados contidos, permite un percorrido polos 50 anos do grupo: os máis novos, aínda que coñezan o nome, quizais se sorprendan ao veren discos de vinilo ou casetes cos que as cancións do grupo se popularizaban hai décadas. Pero máis alá de anécdotas, subliña Fraga, a mostra quere recoller a relación do grupo co tempo no que xurdiu e medrou: Fuxan os Ventos, reflexiona a responsable da montaxe, «tiña capacidade de interpelar a outros públicos diferentes».

Tres eixes

Os eixes da exposición son tres. Por unha banda, o contexto no que naceu o grupo, cando o franquismo vivía os seus derradeiros anos e fenómenos musicais como Voces Ceibes xa levaban un tempo de actividade. Por outra, a cronoloxía dun grupo que non só actuou en festivais dentro e fóra de Galicia senón que chegou cos seus instrumentos e as súas voces a vilas pequenas e a parroquias do país. Tamén ofrece o que Fraga define como «universo creativo do grupo», de xeito que o espectador pode mergullarse nas fontes de inspiración dos seus membros ou no modo en que se foron compoñendo as cancións. Porén, advirte que non é unha exposición técnica, para iniciados, senón «popular, de diálogo co pobo».

Os festivais folk acadaron gran popularidade no anos setenta
Os festivais folk acadaron gran popularidade no anos setenta REBECA

Que non é unha cita co pasado tamén se amosa noutro feito que anuncia a comisaria da exposición. No material figuran cancións dun disco que se editará proximamente, así que á historia do grupo, distinguido nos premios Martín Códax deste ano, aínda lle quedan capítulos por escribir. A mostra, que organizan a Xunta e a área de cultura, turismo e promoción da lingua do Concello de Lugo, pode visitarse ata o 22 de xaneiro, e logo instalarase noutras cidades.