A vila arousá celebrará Defuntos con desfiles terroríficos, unha festa de medo, actuacións dos alumnos da escola de música, xogos na biblioteca e un magosto popular
22 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Nunca antes o Concello de Cambados preparara o Samaín co detalle que o está a facer para a celebración de Defuntos desde 2022. O programa, cheo de citas, foi presentado onte polo concelleiro de Cultura, Tino Cordal, o director da escola de música e o conservatorio, Daniel Figueira, e os responsables da biblioteca municipal e os desfiles que van ter lugar. O máis rechamante, o que a Santa Compaña musical celebrará o venres 28.
A comitiva de ánimas partirá da praza Dolores del Valle ás oito do serán. Estará composta polos membros da banda xuvenil, que interpretarán unha marcha terrorífica, e o resto de alumnos, que poñerán a súa voz a disposición dos medorentos. Nela poderá participar calquera que o desexe, a condición de estar debidamente caracterizado.
A intervención dos estudantes de música será, de feito, permanente, xa que cantarán e tocarán na entrada ao auditorio cada tarde, comezando o luns polos máis pequerrechos, os alumnos de catro a seis anos, con cancións e letras inventadas por eles mesmos.
Domingo de tres desfiles
Con todo, a xornada máis potente hase desenvolver o domingo. Dende as catro e media da tarde ata tres desfiles terroríficos se sucederán dende a Praza do Concello. Un de diaños, outro composto por camiñantes brancos e, por fin, un terceiro no que chamará a atención sobre todo o demais a figura dun enorme dragón de sete metros e medio. As comitivas rematarán en Fefiiñáns para que os participantes vaian, se así o desexan, gozar dunha sesión de música non menos aterradora no parque de Torrado.
Tamén a biblioteca municipal se suma ás celebracións do vello Samaín en Cambados. O mesmo luns, día 31, dende as catro da tarde, haberá no recinto de lectura unha festa meiga con diferentes actividades, xogos e obradoiros que chegarán ata o serán.
A programación chegará ao seu remate o 1 de novembro, data festiva. O Concello de Cambados aproveitará a mesma carpa na que á mañá atopará acubillo o tradicional mercado das flores. Unha vez remate, o espazo de Fefiñáns será acondicionado para a celebración dun grande magosto popular. Todo quen desexe gozar das castañas asadas poderá facelo sen problema ningún, xa que se trata dunha iniciativa aberta ao público en xeral, sen que teña custe para o seu peto.