Patrocinado por

Máis dun cento de razóns culturais para gozar en Santiago

s. alonso

VEN A GALICIA

Sandra Alonso

Concertos, teatro, exposicións, obradoiros e visitas guiadas para descubrir segredos arquitectónicos son parte das actividades da programación impulsada pola Xunta de Galicia ata final de ano en Compostela

22 oct 2022 . Actualizado a las 23:21 h.

Un partido de fútbol no Salón Teatro coas últimas funcións de Recortes, caneos e outras formas de driblar, a coprodución do CDG e Ainé; media ducia de exposicións entre o Museo Gaiás, o CGAC e o Museo das Peregrinacións; os concertos de Sheila Patricia, Sumrrá e Valentín Caamaño Trío, entre outros, a través da programación de Música ao Vivo da Agadic en colaboración coas salas; contacontos, maxia e espectáculos teatrais na Biblioteca de Galicia e na Ánxel Casal; actividades dirixidas ás crianzas para axudar á conciliación pero tamén para achegar contidos culturais; percorridos para descubrir tanto a propia cidade como os seus edificios emblemáticos... Propostas eclécticas e para todos os públicos. A estes dous criterios responde a programación cultural que ata final de ano se poderá gozar en Santiago impulsada pola Xunta a través das entidades propias ou en colaboración con salas de música ao vivo, galerías e concellos. Nestes días hai novidades significativas. Dúas chegan desde o Museo Gaiás, xa que desde onte está aberto o novo espazo que permite viaxar a través da realidade virtual por unha ducia de enclaves galegos, así como a mostra De lugares e cousas con 41 obras pertencentes aos fondos da Colección de Arte Banco Sabadell para ofrecer un percorrido pola evolución da arte contemporánea. Tamén o CGAC inaugura esta semana unha retrospectiva do videoartista italiano Claudio Zulian.

Sandra Alonso

Triple pegada artística no Gaiás

«De lugares e cousas» con artistas contemporáneos, as obras de Laxeiro e «Camiños creativos» conformarán a oferta expositiva da Cidade da Cultura

 

A arte convértese na gran protagonista desta recta final do 2022 nas exposicións do Museo Gaiás. Antes pasaron pola Cidade da Cultura proxectos moi diversos, como a instalación Carne y arena, do cineasta Alejandro G. Iñárritu, que introducía ao visitante na pel dun migrante entre México e Estados Unidos, ou a mostra Xacobeo. As pegadas do Camiño, con pinturas de grandes mestres clásicos e manuscritos e códices medievais.

Onte inaugurouse De lugares e cousas, que reúne 41 obras pertencentes aos fondos da Colección de Arte Banco Sabadell. Con ela recalan en Santiago pezas dalgúns dos artistas contemporáneos máis relevantes de Galicia, España e Portugal. A mostra reúne tres xeracións de creadores nados no século XX, desde os pioneiros da escultura contemporánea, a abstracción e o informalismo ata as novas figuras da arte contemporánea. Deste xeito, conviven referentes como Eduardo Chillida, Esther Ferrer, Antoni Tàpies, Isidoro Valcárcel Medina, José Pedro Croft ou Susana Solana con Cristina Iglesias, Jaume Plensa e Alicia Framis, ademais dos galegos Manolo Paz, Ángela de la Cruz, Antón Patiño e Christian García Bello.

De lugares e cousas vén a unirse á mostra que desde finais de setembro se atopa no terceiro andar, Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970). Esta exposición, con corenta pinturas, pon o foco na obra realizada polo pintor lalinense durante os vinte anos que residiu en Arxentina. Con ela quérese reivindicar a figura dun dos pais da vangarda pictórica galega. Despois de Santiago, chegará no vindeiro ano a París.

Exposición internacional

O 9 de novembro abrirá Camiños creativos, proxecto expositivo que se enmarca dentro dos actos culturais da celebración do Xacobeo 21-22, converténdose na última gran exposición internacional do ano santo. A mostra contará cun vencello temático e espiritual co Xacobeo, xa que se articula arredor do concepto de camiñar para crear, da relación entre o desprazamento e a arte. Contará con pezas procedentes do Victoria and Albert Museum, o Palacio Pitti, o Museo do Prado e o Reina Sofía, segundo avanzara a Consellería de Cultura a principios de ano.

XOAN A. SOLER

O relato social de Claudio Zulian únese ao retrato de Galicia de Raniero Fernández no CGAC

A mostra do cineasta, músico e escritor italiano «Vidas» abre o día 28 incluíndo unha peza inspirada en Vite

 

A perspectiva humanista coa que o fotógrafo vigués Raniero Fernández retratou a vida de diversas localidades galegas durante os anos 50 e 60 terá a partir desta semana a compaña no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da perspectiva social que impregna os traballos do director de cinema, videoartista, músico e escritor Claudio Zulian (Padua, Italia, 1960). A exposición Vidas abrirá as súas portas o venres 28 para ofrecer unha retrospectiva de proxectos e videoinstalacións de temática social do artista italiano.

O percorrido por diversas pezas realizadas ao longo dos últimos vinte anos conducirá a unha videoinstalación que se colocará no dobre espazo do edificio deseñado por Álvaro Siza e que foi creada expresamente para a exposición do CGAC. A peza está inspirada no barrio compostelán de Vite. Segundo detalla o museo, a obra non pretende ofrecer unha visión totalizadora e documental, nin reflectir a historia social, senón que achega unha interpretación poética, visual e simbólica. A exposición Vida estará acompañada dun obradoiro co artista, que está previsto no vindeiro mes.

Ata mediados de febreiro proseguirá aberta O arquivo, de Raniero Fernández, que reúne 250 imaxes tomadas polo vigués e restauradas para a ocasión, así como un mostrario do seu arquivo e documentos persoais. Está acompañada por unha pequena selección de fotografías de artistas coetáneos, como Ferrol, Losada, Rueda, Inocencio Schmidt de las Heras, Veiga Roel, Terré e Zamora. A emigración e os mundos rural e marítimo son os eixos do seu traballo. Os comisarios, Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, impartirán un seminario de fotografía do 30 de novembro ao 3 de decembro.

En novembro abrirá a exposición Camiños III, con obras en torno ao feito de camiñar de diversos creadores.

Sandra Alonso

Bibliotecas: libros e moito máis

A Ánxel Casal e Biblioteca de Galicia programan música, espectáculos e obradoiros

LA VOZS. ALONSO

Miles de libros, pero tamén moitas actividades. Esa é a proposta da Biblioteca Ánxel Casal e da de Galicia ata final de ano. Os dous centros dependentes da Xunta buscan ser un referente cultural con propostas que van moito máis alá dos servizos que prestan ligados á lectura e á velar pola recuperación, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico galego.

A biblioteca pública Ánxel Casal programa unha trintena de propostas ata o 31 de decembro. Os sábados hai sesión de contacontos dirixida ás crianzas, hoxe será a cargo de Vero Rilo co espectáculo E a ti... que che contaban? Os vindeiros días a programación está ligada á conmemoración do Día das Bibliotecas, que inclúe este luns unha xornada de portas abertas con visita extraordinaria aos espazos menos coñecidos destas dependencias en Xoán XXIII, así como a entrega de lotes de libros aos superlectores e superlectoras. Para completar a xornada, a partir das 18.00 horas, Música Miúda ofrecerá Cambia o conto. A despedida deste mes será coa sesión de contacontos Samaín de contos, con Fátima Fernández.

Tanto este sábado como o vindeiro, a biblioteca acudirá ao Mercado de Abastos cun posto de atención ao público de 8.30 a 13.45 horas, onde os que o desexen poderán facerse socios ademais de obter información sobre os seus servizos. Tamén ata o día 27 se poderá ver a exposición Títeres de África. Pola súa banda, a mostra bibliográfica sobre o xénero epistolar segue ata o 30 de novembro.

En novembro os que poñerán os contos os sábados serán Galeatro, Raquel Queizás e Ángeles Goás, ao que haberá que engadirlle un obradoiro a cargo de Ciencia Kids. A programación do mes complétase cun contacontos de Caxoto, un debate sobre dúas das obras finalistas no Premio de Novela Europa Casino de Santiago, obradoiros de electrónica básica creativa, robótica e bonecos de trapo; unha charla co director de cine Claudio Zulian e unha conferencia sobre María Casares. En decembro, ás sesións de contacontos engádeselle un espectáculo de maxia, obradoiros e o Apalpador. Ademais, continuará o programa de conciliación Tardes na Biblioteca.

Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, tamén se sumará este luns ao Día das Bibliotecas cunha visita guiada polos seus cinco andares ás 12.00 e ás 17.00 horas previa inscrición. Ademais, programa para o día 30 o espectáculo O espantallo amigo, a cargo de Os Quinquilláns. Xa en decembro, o 17, Nelson Quinteiro ofrecerá o espectáculo En concerto cos trasnos de Nadal.

Quintas do Camões toma o relevo de «Recortes»

 

Na programación da Consellería de Cultura non faltan as artes escénicas. O Salón Teatro, a sede da súa unidade de produción teatral, o Centro Dramático Galego (CDG), despide mañá domingo a coprodución con Ainé Recortes, caneos e outras formas de driblar, que ampliou as funcións inicialmente previstas pola boa acollida que tivo no público e hoxe serán dúas. Despois, a proposta que aborda a cara oculta do fútbol deixará Santiago para iniciar a xira por Galicia.

Sobre as táboas do Salón Teatro tomará o relevo o ciclo Quintas do Camões. A iniciativa que achega o teatro en lingua portuguesa comezará o martes 25 coa presentación do libro Antoloxía do teatro galego contemporáneo, unha edición bilingüe en galego e portugués. Os días 26 e 27 de outubro representarase Achadiço, unha produción do Teatro Nacional São João (Oporto). É un monólogo escrito, dirixo e interpretado por Nuno Cardoso. Despois, o 1 de decembro, o ciclo incluirá a representación de Calígula, unha produción da Companhía de Teatro de Braga.

A programación da Agadic na Rede de Teatro e Auditorios inclúe a representación de As alumnas na Casa da Cultura do Milladoiro o día 4.

Dezasete citas de música en vivo nas salas

 

A música en directo non faltará entre as propostas nesta despedida do ano. Así serán dezasete os concertos que se celebrarán no marco da Rede Galega de Música ao Vivo froito da colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coas salas.

Na Casa das Crechas restan ata final de ano cinco actuacións. A primeira cita será o día 3 de novembro con Tato Trío. Seguiranlle, tamén no vindeiro mes, Sumrrá (día 6), Mallou (día 10) e Sheila Patricia (día 17). O peche será o 8 de decembro con Catuxa Salom. Outras cinco citas desenvolverase en Borriquita de Belém. O día 5 será a quenda de Suelen Estar & The Soul Machín; o 10, de Udra Trío; o 23, de David Lojo; e o 30, de Valentín Caamaño Trío. O peche será con Gabriel Peso Trío o día 1 de decembro.

A terceira sala que participa na programación é o pub Gatos, de Melide, que programa oito citas. O día 29 actuará ITH. Xa o vindeiro mes pasarán Los Mecánicos (día 4), Cuarta Xusta (día 5), Solrain (12), Nuada (18) e Diego Castro (25). O peche será o 3 de decembro con Zënzar.

Colaboración coa Filharmonía

Por outra banda, a Xunta tamén mantén unha colaboración coa Real Filharmonía de Galicia en varios dos seus concertos. A seguinte cita será o 3 de novembro co programa Auga salgada. Seguiralle tamén o vindeiro mes a actuación ligada a Cineuropa (día 17) e o programa Inspiración (día 24). Xa en decembro desenvolveranse os concertos Divertimento (día 1) e Serenatas (día 15).