Patrocinado por

O sol do verán en San Bartolo

Vicente Mohedano

VEN A GALICIA

ANA GARCIA

En primeira persoa | Escribe o actor Vicente Mohedano | Sempre me provocou unha enorme curiosidade un monte de tamaña presenza

23 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde a noite dos tempos, todo o que acontece no ceo fai parte do sagrado. O movemento ordenado do sol, os ciclos da lúa, o camiñar errante dos planetas, a confabulación constante das estrelas, a aparición enigmática de cometas —e tamén as nubes, raios e trebóns— conformaron desde a antigüidade unha dimensión transcendente e incontrolábel da existencia. Aínda hoxe, na capital do país celebramos as Festas da Ascensión, que conmemoran o relato bíblico da elevación aos ceos —en corpo e alma— de Xesucristo. En corpo e alma. Ascendeu fisicamente alén das nubes para superar a estratosfera. Ascendeu ao sagrado.

Vista a nosa suprema veneración ás alturas, non resulta estraño observar as culturas humanas se esmeraren no erguemento de excelsas pirámides e catedrais e na sacralización de montañas singulares.

Maxestoso sobre o val, en Vimianzo temos tamén a nosa montaña sagrada. As escenas de romaría estampadas nas pedras de San Bartolo marabilláronme desde a primeira vez que subín á festa cos meus pais. Admirábame aquela dedicación, aquel esforzo de celebración da vida a alegrar a folía iluminada daquel día. E sempre me provocou unha enorme curiosidade que un monte de tamaña presenza no noso val pertencese á parroquia veciña. Non deixaba de imaxinar tribulacións ancestrais entre as xentes de Salto e de Vimianzo disputando o xerenciamento do sagrado.

Disputa inexistente

Na última subida ao recinto descubrín que esa disputa nunca existiu. Asumín esa certeza ao examinar a composición pétrea que protagoniza a foto que ilustra este artigo. A deidade do monte mira cara a Salto, mira en dirección ao nacer do sol a través dos corredores que se forman entre estas pedras. Aínda lembro que o antigo camiño de ascensión ao santuario remataba ao seu pé, circunstancia que parece afirmar certa aura de entrada monumental.

Dúas estruturas

Podemos diferenciar dúas estruturas na imaxe: diante, unha portada —a modo de fachada— engrandece e protexe a estrutura natural situada tras ela, o verdadeiro pórtico que sacraliza a montaña. Ese pórtico posterior está formado por dúas rochas de grande tamaño, separadas por unha estreita pasaxe de case cinco metros de cumprimento. Unha longa pedra quebrada —oculta, na foto, tras a fachada— debeu integrar tamén o conxunto, tal vez fechando o pasadizo na súa parte superior para exaltar a grandiosidade da entrada (e se así fose, habería que supor que houbo en algún momento unha intervención para destruíla, proceder bastante habitual á hora de resolver discrepancias nos asuntos sacros).

E por que é que aventuro tanta importancia, tanto misterio, nestes penedos? Ben, porque ese longo corredor natural ten unha orientación moi particular. Así como os dolmens —monumentos funerarios— saúdan ao sol do inverno, ao sol das noites eternas, ao sol que renace no imperio das tebras, o corredor de entrada ao santuario de San Bartolomeu celebra o sol no seu maior esplendor. É aquí onde é necesario introducir a estrutura dianteira: vista desde o fondo do corredor, a pedra de marxe apontada —que aparece decorada con flores— anuncia con precisión o punto do nacer do sol no solsticio de verán.

Esculpida por mans humanas?

Resultaría extraordinario que este aliñamento perfecto fose natural. Este menhir fai parte da fachada monumental, onde a disposición da enorme pedra que o acompaña —á esquerda na imaxe— debería ser tamén artificial, dada a posición vertical antinatural da poza de erosión que posúe. A menos, claro, que esa perfecta cavidade hemisférica fose esculpida por mans humanas. Sexa como for, a presenza deste relevo de feitizo solar transfire un valor sagrado aos relevos e pozas distribuídos por todo o santuario, que puideron ser asumidos como un fabuloso petróglifo de culto aos astros. Oh, Ceos!

Hai máis. Ao seguirmos a orientación do corredor natural aberto ao solsticio estival e descendermos o monte cara ao val, encontramos —perfectamente aliñado— o igrexario de Santa María de Salto. A deidade do monte mira cara Salto. Será que podería ser casual a súa ubicación ou será que obedece a liturxias ancestrais? Non quere o propio nome de Salto revelar que fica só as alturas?

A elaboración da fachada megalítica, dada a súa advocación solar, debería ser prehistórica, ben anterior á chegada do cristianismo. Esta portada artificial ten tamén o seu corredor que, pola súa orientación, apunta con determinación a unha fenda aberta entre os penedos á súa fronte e parece querer vincular o santuario ás terras de Castro. Curiosamente, os ~73º de acimut deste aliñamento anticipan o punto de saída do sol o 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu, apóstolo de Xesucristo.

Uns apuntes biográficos sobre Vicente Mohedano Mira

Nado en Vimianzo no 1965, ten formación universitaria dirixida cara a bioloxía, pero leva toda a vida dedicándose á escena. Así ten formado parte duns 35 proxectos teatrais con 12 compañías distintas. Tamén ten un amplo historial no audiovisual, coa participación en oito series televisivas, entre las «Pazo de Familia», «Matalobos», «Terras de Miranda» e a que está próxima a emitirse «Motel Valkirias», e noutras 17 máis de forma episódica. Tamén ten actuado nunha vintena de curtas e en nove longametraxes, entre las «Martes de Carnaval», «Bad Investigate», «El baile de las ánimas» ou «Era outra vez». Ao mesmo tempo, ten en marcha o proxecto Discurshow, con propostas de dramatización da ciencia en diversos formatos.