Patrocinado por

O Desfoga volve a Cambados coa súa proposta de «arte vivo»

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

VEN A GALICIA

Acto de presentación do Desfoga, este martes en Cambados
Acto de presentación do Desfoga, este martes en Cambados Martina Miser

A organización inicia contactos coa Mancomunidade do Salnés para darlle ao festival un carácter comarcal

25 oct 2022 . Actualizado a las 16:31 h.

«Desfoga é un comisariado de arte vivo para cuestionar poderes, as desigualdades e toda a forma de vulneración dos dereitos humanos». Así se presenta este festival que chega esta semana a Cambados na que é a súa terceira edición con vocación de crecer e acadar un ámbito comarcal. A asociación cultural Caracol trata de aproveitar a rede que ofrece a Mancomunidade do Salnés para vertebrar unha oferta máis ampla de cara ao 2023 e con este propósito mantivo este martes un encontro de traballo con varios concelleiros e proseguirán as xestións no futuro. Neste proxecto terá moitio que dicir a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que por primeira vez financia esta iniciativa e cuxo director, Jacobo Sutil, acudiu a Cambados para participar na presentación do festival. Colaboran no Desfoga, ademais, o Concello de Cambados e o Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030.

Entre tanto, o inmediato pasa pola vila do albariño, onde haberá oportunidade de desfogarse e darlle voz ás comunidades como é a LGTBIQA+, que este ano protagoniza a temática do festival.

Logo dos obradoiros celebrados o domingo e luns na Sociedade Cultural e no IES Francisco Asorey, a programación continúa este martes en Torrado coa inauguración da exposición O desexo flúe tanto como o mar, cedida polo Museo Marítimo de Barcelona. O acto será ás 19 horas no Espazo Torrado e o viño corre por conta da adega Paco & Lola.

Do mércores ao sábado, Pedro Moreira presentará na Casa Histórica de Fefiñáns a súa proposta de instalación, cerámica e xogo titulada A segunda pedra, en horarios de 12.30, 16 e 18.30 horas e cun prezo da entrada de cinco euros. O xoves ás 21 horas a cita está no auditorio da Xuventude, ás 21 horas, onde Pere Faura presentará o espectáculo de cabaré Panorama, tamén con entrada a 5 euros.

O venres será a quenda dos podscat poéticos. O primeiro será de 18 a 20 horas no Pazo de Torrado a cargo de Loca yo??, Nuria Vil e Artemisa I, con entrada de balde, e o segundo terá lugar no auditorio, a partir das 21 horas e con entrada a 5 euros. Neste caso, a proposta incorpora a performance e está protagonizada por Andrea Quintana e Gena Baamonde.

Pola noite, a partir das 23 horas, soará a música de Artemisa I na sala Krazzy Kray de Cambados con taquilla inversa, é dicir, o público pagará a vontade.

O tarde do sábado arrincará na Cultural de Cambados cun obradoiro de Andrea Quintana a un prezo de 50 euros e ás 21 horas, no mesmo lugar e a un prezo de 5 euros chegará o espectáculo Circografía Travesti con Victoria Sickness. De novo, ás once, a cita é na sala Krazzy Kray, desta volta con O Rabelo. A programación pecharase o domingo cun obradoiro pola tarde na Cultural de Victoria Sickness.