Raquel Freiría, xerente da Asociación Protectora de Animais do Camiño: «O maior drama é a situación de maltrato, non o abandono en si»
VEN A GALICIA
Apaca leva sete anos velando polo benestar animal en Galicia, con accións concretas nas rutas xacobeas
28 oct 2022 . Actualizado a las 09:21 h.Cunha rede de voluntariado de ata quince membros fixos, e sete casas de acollida, a Asociación Protectora de Animais do Camiño (Apaca) está recoñecida como unha entidade, ademais de sen ánimo de lucro, de utilidade pública, polo labor que, con Raquel Freiría en primeira liña, desempeña tanto no ámbito asistencial, coma de concienciación social.
—¿Que foi do refuxio no Camiño Francés para o que Apaca xuntou, hai cinco anos, 89.000 sinaturas?
—É unha necesidade que se está negociando agora por fin na administración. É imprescindible, xa non para nós, senón para os propios Concellos, para a propia Axencia Galega de Turismo, e para o propio Xacobeo. E sábeno. Non hai ningún centro de acollida de animais en todo o Camiño Francés en Galicia.
—¿Que radiografía fan sobre o abandono animal?
—A nosa sociedade xa non acepta os cans nas rúas. A poboación presiona para que se retiren, e as administracións locais teñen unha responsabilidade civil con eses cans. O maior drama non é o propio abandono en si, que tamén existe e é grave, senón a situación de maltrato e semiabandono na que chegan a atoparse os animais nas casas.
—¿Que accións impulsan para reverter esa realidade?
—Constantemente facemos presión nas administracións con todo aquel político que acepte reunirse con nós, tanto da Xunta, da Deputación, como dos Concellos. Tamén asistimos a moitos congresos e mesas de traballo nas que sempre damos conta desa situación. O ano pasado, ademais, fixemos moitos labores de información e sensibilización no Camiño de Santiago, onde lanzamos un boletín que se difundiu entre os peregrinos, os axentes sociais, empresarias e institucionais, e entre a veciñanza. Un avance importantísimo é o novo plan director do Camiño de Santiago en Galicia. Apaca traballou arreo para que no documento se recoñezan os animais como suxeitos de protección.
—Promoveron xa cinco campañas de esterilización e implantación de «microchip». ¿Que impacto teñen?
—Á marxe da pouca colaboración dos concellos, estamos moi satisfeitas coa campaña. Primeiro, porque a cantidade de nacementos e de animais que se evita que aparezan abandonados e maltratados é moi alta. E segundo, porque coa maneira de difundir estas campañas, que é a través da caixa de correos, os folletos chegan a todas e cada unha das casas, co que se fala moito delas, todo o mundo se decata, toda a xente sabe que hai que ter os cans con «microchip», e que se deben ter tamén esterilizados. Moita xente empeza a saber que está incumprindo a lexislación.
—¿Que está a fallar?
—Hai un problema cultural cos animais, pero si dende as administracións non se lle informa á cidadanía de que certas accións, como telos atados ou a reprodución incontrolada, xa non son nin éticas, nin socialmente aceptables, e ademais están prohibidas e conlevan sancións, non van cesar. Tampouco, se cando se lles presenta unha denuncia de casos gravísimos, as autoridades competentes, policiais e administrativas, non fan nada. A cidadanía, a sociedade civil non somos autoridade, non temos capacidade para facer cumprir a lei.