Patrocinado por

O Museo de Pontevedra inaugura a primeira exposición antolóxica do escultor Silverio Rivas no seu oitenta aniversario

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Ramón Leiro

A mostra, composta por unhas sesenta pezas, abarca todos os períodos artísticos do escultor

14 ene 2023 . Actualizado a las 18:22 h.

Este xoves o escultor Silverio Rivas gozará dunha dobre celebración. Por unha banda, cumpre 80 anos e, por outra, o Museo de Pontevedra inaugura a primeira exposición antolóxica da súa obra baixo o título de Silverio Rivas. Eloxio do silencio.

A mostra, que poderá visitarse ata o 5 de febreiro no Edificio Castelao e está comisariada por Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo, percorre cinco décadas de creación dun artista de referencia, pioneiro na abstracción na escultura galega e que acadou gran popularidade polo carácter monumental da súa obra en espazos públicos.

Ramón Leiro

O visitantes descubrirán que as pezas, non so se exhiben ao longo de cinco espazos da sala de exposicións temporais, senón que tamén están noutros recunchos do edificio. É o caso da obra Ayous ou Barca solar, situada no acceso á zona acristalada.

O certo é que estas sesenta obras abarcan todos os seus períodos e estilos creativos de Silveiro Rivas. De obras tan representativas como Pía, exemplo do seu traballo con grandes bloques de granito, Palisandro, escultura articulada paradigmática da súa creación de pezas articuladas con madeiras nobres, ou Zafra, exemplo da súa implicación na difusión da escultura contemporánea na Galicia dos anos 70, ata pezas en cerámica articulada, nas que foi pioneiro, ou o seu traballo actual con obxectos atopados aos que outorga novos significados.

Ramón Leiro

O director do Museo, José Manuel Rey, destacou que esta mostra «parte do noso labor de contribuír á difusión e a investigación da arte galega. A creación dos artistas do país ocupa unha posición central no discurso do Museo». En canto a figura de Silverio Rivas, sinalou que é un dos nosos creadores vivos máis importantes e pon o foco no traballo desenvolvido pola comisaria e o artista para que esta exposición sexa unha realidade: «Beatriz de San Ildefonso propón unha revisión da obra do artista que cobre toda a súa traxectoria, desde os anos 70, cando se inicia na abstracción, ata a actualidade. Foi un proceso no que o artista estivo moi presente, implicándose de maneira intensa na montaxe».

De feito, foi algo que ratificou o propio escultor ao refrendar que «toda exposición é unha complicidade entre a comisaria e o autor. Ao principio parten de conceptos diferentes. Cada un vai aportando as súas ideas e pouco a pouco vanse poñendo de acordo. Eu respecto as propostas da comisaria e ela respecta as que fago eu e buscamos un termo medio».