Víctor Grande Nieto: «A restauración do ciborio da catedral estará rematada nun ano»
VEN A GALICIA
O arquitecto ourensán sinala que a reforma da reitoral de santa Comba «servirá para potenciar o entorno»
27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Liceo e a plataforma Non ao Peche da UPO remataron esta semana o programa de actividades do Ano Cultural na Honra da Universidade Popular de Ourense. Para clausurar as actividades contouse coa presenza de Víctor Grande Nieto (Ourense, 1983). O arquitecto, especializado na restauración do patrimonio, ofreceu a conferencia A arquitectura do Renacemento en Galicia. O Hospital dos Reis Católicos de Compostela. Unha etapa, a do renacemento en Galicia, á que dedicou a tese de doutoramento. A súa previsión pasaba por centrar a participación no Ano Cultural da UPO nas obras que acometerá no futuro na catedral de Ourense, aínda que unha actividade recente sobre a basílica fixo que mudara de temática. Do complexo monumental da cidade terá moito que dicir nun futuro próximo.
—O Hospital dos Reis Católicos é unha das iconas patrimoniais?
—É o primeiro edificio dese estilo e marca a chegada da arquitectura do Renacemento a Galicia. O Hospital Real, o actual parador de Compostela, é unha referencia e un conxunto patrimonial de grande interese.
—É o responsable de dar continuidade ás reformas na catedral. Cando se restaurará o ciborio?
—Nós temos adxudicada a restauración do ciborio e a fachada sur da catedral de Ourense. O proxecto xa está finalizado e nestas semanas sairá a licitación a obra —ten que ser antes de que remate o ano polos prazos dos fondos Feder—. Entre febreiro e agosto deberían realizarse os traballos. En principio, agás que atopemos algún problema, o ciborio e a fachada sur estarán restaurados nun ano.
—Que traballos se acometerán?
—Temos filtracións e outras patoloxías e o obxectivo pasa por rematar con esa situación. Hai que facer catas e analizar o estado dos materiais para intervir e facelo de tal que xeito que se aporten cousas ao valor intrínseco e ao legado da catedral.
—Queda moito por facer?
—Un conxunto coma este necesita un mantemento e hai que seguir actuando nas cubertas do paso de ronda, atallar humidades e acometer intervencións na sancristía e arquivo. Nunha catedral sempre hai cousas pendentes.
—Traballou en santa Comba de Bande. Cando se desenvolverán os proxectos anunciados?
—Hai intervencións que xa se fixeron e outras que serán as que nos servirán para potenciar este entorno que conta cunha igrexa visigótica como o seu gran atractivo. No seu día xa se redactou o plan director para a casa reitoral de santa Comba de Bande, hai dous anos, e logo houbo unhas actuacións urxentes na mesma. Queda por desenvolver a obra de rehabilitación do conxunto.
—Que se contempla na intervención da reitoral?
—A intención é desenvolver unha actuación que servirá para potenciar todo o entorno. Será un espazo que actuará como un punto de parada para o centro de interpretación da igrexa pero que fuxirá do concepto dos lugares contedores, que están desfasados e non atraen á xente. Crearase un edificio híbrido no que convivirán un espazo a xeito de promoción dos recursos turísticos, un bar-restaurante, biblioteca e outros servizos.
—Con que prazos se está a traballar?
—En principio hai un convenio de colaboración entre o Concello de Bande e a Xunta de Galicia e a intención é apostar por dinamizar este entorno.
«O mosteiro de Montederramo atesoura o mellor legado patrimonial do século XVI»
O arquitecto ourensán ten desenvolvido actuacións en espazos patrimoniais por toda Galicia. Dende a Torre da Vela, da catedral de Compostela, á Casa Botana de Cambados ou o Liceo de Ourense, entre outros. Dous dos lugares aos que está vencellado, sexa por actuacións nos mesmos ou por traballos de investigación, son os mosteiros ourensáns de Montederramo e Oseira.
—Que traballos se desenvolveron en Montederramo?
—Alí actou BAB Arquitectos, que é unha empresa de recoñecido prestixio, e primeiro fíxose un plan director —no ano 2016—e logo houbo un conxunto de actuacións urxentes. Entre outras intervencións, alí levouse a cabo o enlousado todo da igrexa, desenvolveuse o proxecto para incorporar o espazo ás visitas culturais, melloráronse os dous claustros e a parte alta do coro, dotouse de iluminación, instalouse un ascensor e unha plataforma elevadora e acondicionouse todo para que se poda empregar como espazo para acoller actos ou ter un uso social que xere ingresos para axudar ao seu mantemento. Tamén se botaron case mil metros cadrados de cuberta nova. É un espazo único, a potenciar, xa que o mosteiro de Montederramo atesoura o mellor legado patrimonial do século XVI.
—Na documentación da conferencia do Ano Cultural da UPO facíase referencia á súa intervención no propio pazo dos Oca-Valladares onde se desenvolveron as actividades.
—No caso do Liceo de Ourense as actuacións que se realizaron alí tiveron que ver, no meu caso, coa recuperación e mellora das cubertas. O obxectivo con este tipo de traballos é conseguir unha maior vida útil dos materiais do edificio.
Dos misterios da sala das palmeiras ao mestrado de Peter Zumthor
Víctor Grande Nieto formouse na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña e fixo o mestrado de Restauración Arquitectónica. A súa tese doutoral centrouna no traballo Metodología y Composición del Renacimiento en Galicia. 1499-1657 e entre as súas publicacións está Santa María de Montederramo. Proceso de revisión arquitectónica (2011). Vencellados á súa tese, foi desenvolvendo traballos de investigación, ponencias, artigos e outras colaboracións sobre diferentes espazos. Entre as ponencias está a titulada Métrica y forma de la sala capitular del monasterio de Santa María de Oseira (2015). Víctor Grande sinala que, aínda que especializado en actuacións patrimoniais, no seu estudio dan resposta a todo o que se necesite: «Obra nova, humanizacións, certificacións e todo aquilo que teña que ver co traballo cotiá dun arquitecto».
Desa realidade dan conta proxectos como os de rehabilitación dun edificio para uso hostaleiro na cidade, as dúas fases da humanización no Pereiro de Aguiar, a creación dun asilo residencial en Amoeiro, unha nave industrial no polígono de Seixalbo e vivendas unifamiliares de nova planta ou restauracións en O Pereiro, Amoeiro, Teo, San Cibrao das Viñas ou Baños de Molgas, entre outras actuacións.
—Como foi pechar o ciclo dun proxecto no que participou?
—Fixéronse alí dous cursos sobre o Renacemento en Galicia. Foron catro meses, en cada edición, e para min foi unha gran experiencia. A UPO volverá, antes ou despois, porque é un proxecto centenario cunha grande sensibilización social que desenvolve un excelente traballo.
—A sala das palmeiras de Oseira segue a ser un espazo a descubrir?
—É un lugar paradigmático e interesante, no que as súas columnas torsionadas, a súa xénese e o seu simbolismo son elementos moi atractivos. O chan é un mandala arquitectónico e destacan a proporción áurea e todos os lementos que conforman o conxunto. É o corazón dunha sala capitular que é moito máis que un espazo onde expiar os pecados.
—Comisariou unha exposición e un ciclo de conferencias sobre a arquitectura no Ticino entre os anos 1970 e 2008.
—Foi froito da casualidade. Estiven un ano de Erasmus en Suíza con Peter Zumthor —Premio Pritzke no 2009—, un arquitecto contemporáneo interesantísimo que traballa sempre sobre sistemas construtivos tradicionais, aínda que a atmosfera que crea logo nas súas construcións é actual. Sempre me gustou a arquitectura que é máis sensible co pasado que co presente. Desa etapa é de onde naceu a iniciativa para a mostra, que se fixo no Museo de Bealas Artes de A Coruña.
—E fixo unha «Olladas na rúa».
—Si, a da capela do Santo Cristo da catedral. O ciclo serviu para achegar a arquitectura ao gran público e foi moi interesante.
Quen son.
«Traballador, reflexivo e esixente, tentando sempre manter un espirito crítico e aberto, para aprender de todos e cada un dos axentes que interveñen nunha obra: canteiros, aparelladores, xefes de obra, promotores, restauradores, albaneis, enxeñeiros ou instaladores, posto que cada un atesora unha valiosa perspectiva dende a sua formación e experiencia. Amante da arte, ata o punto de traballar moitas veces por amor á mesma».