A Xunta apoiará con 5.000 euros sete establecementos turísticos da comarca
VEN A GALICIA
A delegada territorial, Martina Aneiros, defende que a calidade é esencial no turismo en Galicia
27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou sobre a resolución das axudas a establecementos turísticos. O importe das achegas ascende a preto de 5.000 euros, que se repartirán entre sete establecementos da comarca de Ferrolterra: Viajes Galitur, Gran Hotel de Ferrol, Finisterrae Ferrol e Viaxes Paco, todas elas en Ferrol; Viaxes Narón; Club Náutico Ría de Ares e Cantina do Río Covés, esta última en Pontedeume.
A representante da Xunta pon en valor o traballo levado a cabo nos últimos anos por mellorar a calidade hosteleira da comarca, tanto en establecementos e infraestruturas como no patrimonio. O goberno autonómico dotou a comunidade dun orzamento de 170.000 euros para a liña de axuda aos concellos e as súas entidades, así como para as persoas titulares de establecementos e servizos turísticos. O requisito para entrar dentro do programa orzamentario é ter inscrita a actividade dentro do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.
A calidade, explicou Aneiros, «é un elemento transversal no modelo turístico galego e a Xunta leva traballando nel dende hai anos, o que permitiu que Galicia estea nos primeiros postos da excelencia turística a nivel nacional». A este respecto tamén quixo lembrar que a comunidade galega ocupa o segundo posto en número de Q de Calidade, só por detrás de Andalucía.