Ve a luz unha nova colección artística xurdida da escola do Museo do Gravado
VEN A GALICIA
Recolle as obras en augaforte realizadas ao redor do libro «Rumores de los pinos»
26 nov 2022 . Actualizado a las 18:36 h.O Museo do Gravado de Artes consolida o camiño que abriu para, ademais de amosar obras divulgando unha técnica pouco coñecida, crear canteira e incrementar a colección artística xurdida na súa escola. Así, vén de ver a luz unha nova exposición que recolle os traballos realizados polos case corenta alumnos dos obradoiros de augaforte que se desenvolveron entre decembro do 2021 e os pasados meses de abril e xullo.
A mostra, que se abriu a noite do venres nas instalacións situadas en Artes, está formada por 38 obras que ilustran o libro de Eduardo Pondal Rumores de los pinos, que recolle o volume facsimilar da primeira edición bilingüe desde poemario. As sesións artísticas foron dirixidas polo catedrático de gravado da Universidade de Salamanca José Fuentes e polo director do Instituto Universitario de Investigación en Arte e Tecnoloxía da Animación de dita institución, Antonio Navarro, que estiveron presentes no acto de inauguración. Tamén asistiron o director do museo, Pastor Rodríguez, e a concelleira de Cultura ribeirense, María Sampedro.
O obradoiro do Museo do Gravado segue de feito en marcha e este mesmo fin de semana estanse a desenvolver novas sesións prácticas da man de Fuentes e Navarro. Nesta ocasión, a ducia de alumnos que están a participar traballan co linogravado, orientándoo cara as técnicas empregadas por Pablo Picasso na creación das súas obras realizadas con este método.
«Proxecto incendios»
No transcurso do mesmo acto celebrado o venres no museo ribeirense tamén se presentou a segunda das exposicións que se atopan a disposición do público. Trátase de obras do Proxecto incendios 2017-2020, realizadas por Miguel Mosquera co fin de reflexionar sobre a destrución que provocaron en Galicia os lumes forestais.
O artista seleccionou varios núcleos rurais de Ourense que no 2017 se viron afectados por incendios e neles recolleu cinzas que gardou en bolsas e etiquetou, confeccionando despois caixas para realizar por último obras coa técnica de estampaxe en serigrafía. No 2020, Mosquera seguiu o mesmo proceso para plasmar nos seus traballos os silencios que ocultan as neglixencias e a irresponsabilidade solidaria. O resultado é, segundo destacou Pastor Rodríguez, «unha exposición para a conciencia, para o testemuño da perda, do esquecemento do que foi».