Patrocinado por

Guerrilla, o festival máis reivindicativo chega a Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Ao longo de catro días sucederanse no Teatro Principal faladoiros, actuacións teatrais e musicais e a proxección do documental Un viaje hacia nosotros

08 dic 2022 . Actualizado a las 11:01 h.

Tras o éxito da primeira edición, este xoves, e ao longo de catro días, Pontevedra acolle Guerrilla, «festival que pon en valor a cultura como ferramenta para conseguir unha sociedade máis xusta» e que está organizado polo concello capitalino e Culturactiva S. Coop. Galega. Deste xeito, a través de faladoiros, teatro ou música, poñerase en valor as «loitas sociais históricas que seguen plenamente vixentes a día de hoxe».

Dende a organización incidiron en que se persigue a utopía a través dunha cultura «comprometida, alternativa, revolucionaria, resiliente e accesible a todas». Isto explica os temas que se abordarán no Teatro Principal ata o domingo, que van dende a censura, o fascismo e a represión franquista ata o feminismo e o conflito do Sahara, de tal modo que cada día desenvolverase un faladoiro ou acción de concienciación acompañada por un espectáculo.

A programación arranca este xoves cun coloquio sobre as mestras represaliadas pola ditadura (18 horas) coa intervención de Pilar Allegue, Xosé Manuel Cid e Vero Rilo, mentres que pola noite (21 h.) desenvolverase a obra As alumnas, dirixida por Fina Calleja e interpretada por Mónica Caamaño e Anabell Gago. O venres abordarase a censura na música (18 h.) da man de Mini, de A Quenlla e Fuxan os Ventos, así como do investigador e escritor Fernando Fernández Rego e o cantante Luís Pastor, e todo moderado pola xornalista Susana Regueira. Esta xornada pecharase co espectáculo (21 h.), Grándola de mi querer, a cargo de Luís Pastor.

Fin de semana

Pepe Viyuela será o gran protagonista do sábado. Se ás 17 horas proxectarase o seu documental Un viaje hacia nosotros, a partir das 21 horas porá en escena no Principal a obra Encerrona, «unha reflexión sobre o cotián desde a perspectiva do pallaso». En canto á xornada de clausura do domingo, esta terá como epicentro a problemática do Sáhara, que se analizará nun faladoiro (17 h.) no que intervirán Maite Isla, de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps); Montse Prado, parlamentaria do grupo de Paz e Solidariedade polo Sáhara; e estará moderada por Khadyetu Ahmedu, presidenta da Asociación Galega de Mulleres Saharauís e dinamizada por Carmen Novas, do Fondo Galego de Cooperación.

E o gran fin de festa de Guerrilla será unha Gala Solidaria de Pallas@s en Rebeldía (19 h.) que, presentada por Andrea Bayer, de Baobab Teatro, programou as actuacións de Uxía Senlle, Dakidarria —en formato íntimo—, Yslem Hijo del Desierto, Anxela Branco, Isabel Risco e do Colectivo AB.iO.

O acceso aos faladoiros e proxección é de balde ata completar aforo, mentres que as entradas aos espectáculos teñen un prezo popular de 8 euros. O abono para o programa completo ascende a 28 euros. Ademais, están previstos os descontos habituais das programacións culturais para desempregadas e maiores.