Patrocinado por

A mostra de Adolfo de Abel Vilela, 50 anos de bibliografía

Julia Cantalapiedra Álvarez

VEN A GALICIA

Ata o día 16 pódese ver na Biblioteca Provincial unha exposición sobre a obra do historiador lucense

12 dic 2022 . Actualizado a las 21:48 h.

O historiador Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, antigo director do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, define a Adolfo de Abel Vilela ao prologar un dos seus libros en 1999 como «investigador consagrado e ben coñecido, cunha ampla e fecunda traxectoria especialmente centrada no pasado histórico da cidade de Lugo, da cal é hoxe un dos seus máis profundos e exactos coñecedores».

Xa pasaron 23 anos desde que foron escritas estas palabras nos que o historiador publicou quince libros relacionados coa nosa historia local. A mostra aberta na Biblioteca Pública, que recomendamos visitar, tenta facer visible este coñecemento cunha selección de traballos sobre a historia e o patrimonio artístico da cidade.

A produción bibliográfica de Abel Vilela é moi extensa. Intégrana máis de 800 artigos en publicacións periódicas e 30 monografías. Números que falan do inxente traballo realizado polo autor no tempo que lle deixaba libre o seu traballo e a dedicación ao estudio, que sorprenden porque a de historiador non foi a súa ocupación principal ata que se xubilou como profesor de instituto.

Nas vitrinas, xunto aos libros, poden verse outros materiais procedentes do seu arquivo persoal coa finalidade de contextualizar ao investigador e a súa obra. Nunha liña máis persoal inclúense unha libretiña na que recolleu refráns populares, un traballo de campo elaborado con 13 anos, os folletos redactados para as exposicións organizadas con pezas da súa colección de louzas de Pickman iniciada na etapa adolescente, e correspondencia relativa aos libros expostos de Manuel Fraga Iribarne, Ramón Falcón Rodríguez, Antonio Fraguas Fraguas e do marqués de Mondejar.

En novembro de 1972 editou na imprenta La Voz de la Verdad o seu primeiro libro «Origen de las edificaciones adosadas a la muralla de Lugo», texto co que iniciou hai 50 anos a investigación sobre este monumento e a súa decidida vocación polo estudo da historia local. A muralla é o tema fundamental na súa obra. En 1975 publicou a primeira guía sobre ela, e «200 anos de obras e restauraciones en la muralla de Lugo», nos seguintes anos verán a luz novos traballos e en 2011 o libro «A muralla romana de Lugo na documentación dos séculos XVI ao XX», unha coidada edición que é un texto de referencia fundamental para o estudo do monumento.

As investigacións sobre a historia medieval de Lugo, e sobre as diferentes etapas artísticas na arquitectura da cidade o ocuparán a partires de 1980. Neste campo subliñamos o libro sobre a arquitectura isabelina e da restauración, froito da súa tese de doutoramento, e o publicado o ano pasado sobre «O parque Rosalía de Castro». Nos estudos da historia da arte sobresae a obra sobre o pintor Manuel Abelenda, con motivo da exposición da que foi comisario dedicada o artista pola Fundación Barrié.

Este lucense nado na Rúa das Nóreas, defendeu sempre o potencial turístico de Lugo colaborando en iniciativas que perseguían este obxectivo, como no proxecto museolóxico do Centro de Interpretación do Camiño Primitivo e mesmo o seu proxecto persoal do Centro de Interpretación da Burguesía. As guías dedicadas a Lugo, a catedral e ao coro da catedral, editadas en galego, español e inglés en 2009 pola Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, con textos e fotografías do autor, e mesmo a da Muralla que el financiou, cubriron un baleiro de información clave para o turismo cultural.

A mostra tamén permite ver a evolución no deseño dos libros. Dende as edicións do propio autor, publicadas nos anos 70 na colección AVA, obras de pequeno formato para as que el fai a maqueta das cubertas, ata as coidadas edicións patrocinadas por institucións oficiais, sendo o autor de moitas das fotografías que ilustran os seus traballos. 

Julia Cantalapiedra. Comisaria da exposición e directora da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo