Patrocinado por

Viaxe no tempo a través do Museo de Artes do Gravado

Celia Riande García
celia riande RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Museo do Gravado de Artes
Museo do Gravado de Artes MARCOS CREO

O inmoble acubilla miles de obras de arte que teñen máis tirón fóra de Galicia

11 dic 2022 . Actualizado a las 10:47 h.

Dende as primeiras mostras de xilografía ou gravado en madeira ata as temperás impresións de Gutenberg arredor do 1440, o mundo da arte ilustrada conta cunha ampla traxectoria que recolle a nosa historia a través de distintos materiais coma o cobre, a pedra, a tea ou o papel. Importantes creacións desa extensa traxectoria están recollidas, dende fai 21 anos, na Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital ribeirense, que contén unha selecta colección de máis de 40.000 estampas e arredor de 8.000 libros, formando a maior biblioteca ilustrada de Galicia. Precisamente pola súa intensa actividade e a súa proxección internacional, o inmoble que acubilla tanta arte foi recoñecido este ano polos premios Sereo de Barbantia, na modalidade de iniciativa cultural no Barbanza.

A figura deseñada pola escultora noiesa Soledad Penalta entregouse este sábado nun acto que tivo por escenario o Pazo de Goiáns, de Boiro. Compartirá protagonismo con Ana Blanco, que obtivo a designación pola iniciativa cultural no Barbanza; e Xesús Alonso Montero, recoñecido polo seu traballo a prol da cultura galega.

O mentor do museo

O Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital naceu da man do seu mecenas, mentor e impulsor: Javier Expósito Paradela. A súa colección, que naceu nunha vella librería de París, inclúe obras dos grandes clásicos desta modalidade creativa, como poden ser Rembrandt, Piranese ou Van Dick e Rubens.

Precisamente Javier Expósito recoñecía o valor do recoñecemento de Barbantia de cara ao museo: «É un fito importante polo traballo que desenvolvemos, pero sobre todo, polo que significa Barbantia a nivel da representación da cultura xeral dentro da comunidade galega».

O museo, que conta con 21 anos de traxectoria, sitúase na parroquia de Artes, en Ribeira. Trátase dunha localización que, asegura Expósito, non é casual: «Un museo desta natureza nun lugar pequeno, aínda que Ribeira sexa unha cidade significativa, supoñía un reto importante, pero hoxe podemos dicir que é un éxito polo que representa ao ser o museo máis importante de gravado antigo e contemporáneo en toda España».

Sobre a proxección do museo, Expósito asegura que é moito máis coñecido fóra que dentro de Galicia: «Temos prestado obras a exposicións en México, no Yucatán, en Nova York, Chicago, Miami, Palma, Santander, Bilbao, Madrid, e toda Galicia. Temos solicitado Dalí en China para o 2023, polo que si, como sempre acontece, valórannos máis fóra da casa».

O labor das institucións

En canto ao que se pode facer para que o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital sexa máis coñecido na zona, o certo é que o camiño non está claro: «Creo que as institucións fan o que poden. Sempre se lles bota a culpa, pero eu non considero que sexa así. O labor que desenvolven a Xunta e o Concello de Ribeira é moi bo, e nós quizais tamén teñamos que poñer máis da nosa parte para facernos coñecer».

Sobre a oferta do museo, o seu fundador destaca a calidade da biblioteca ilustrada, incluída nas instalacións: «Se falamos de retos, gustaríame que se promocionase máis a mellor biblioteca ilustrada de Galicia. Buscamos o recoñecemento oportuno, porque conta con máis de 8.000 volumes e non creo que haxa outra igual de importante despois da Biblioteca Nacional».

Expósito fala de soños de futuro, e asegura que ten numerosos retos que, segundo Expósito, debe superar para seguir sendo un referente: «Eu sempre fun moi soñador, aínda penso que quedan moitas cousas por facer. No museo non hai espazo, o depósito está abarrotado, e na biblioteca non hai onde meter nada. Quizais o ideal sería poder crecer, pero é difícil».

Aínda que por agora non crece, o certo é que o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital ofrece unha exquisita mostra permanente para todos os que queiran achegarse, así como exposicións como as que está dispoñible na actualidade: Fotoaugaforte, Proxecto Incendios 2017-2020 e Os Caprichos espidos.