Patrocinado por

Novos Cinemas estrea seis películas de autores emerxentes inéditas en España

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

VEN A GALICIA

Unha das estreas en España que se poderán ver en Pontevedra é «Cette maison», o debut na longametraxe de Miryam Charles -na imaxe, un fotograma desta cinta a medio camiño do drama e o fantástico-.
Unha das estreas en España que se poderán ver en Pontevedra é «Cette maison», o debut na longametraxe de Miryam Charles -na imaxe, un fotograma desta cinta a medio camiño do drama e o fantástico-.

O festival pontevedrés consolídase como referente estatal na busca de talentos

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O festival pontevedrés Novos Cinemas ultima a súa sétima edición nunha rigorosa cita cun claro espírito de consolidación no mapa de encontros cinematográficos estatal. «O obxectivo é confeccionar unha nova ruta do cinema actual facendo fincapé no traballo desenvolvido polos novos autores», subliña Suso Novás, codirector do certame xunto con Daniel Froiz e que lembra que só contemplan a programación de primeiras ou segundas longametraxes. A organización presentou este mércores a composición das súas seccións competitivas, que, entre os días 13 e 18 de decembro, proxectarán nove filmes inéditos en Galicia (seis deles o son tamén en España) que toman o pulso do cine emerxente do panorama internacional. Alén diso, non hai limitación en canto a xéneros, prosegue Novás, que subliña que «aquí teñen cabida a ficción, a non ficción, a animación, o experimental, todo; sen fronteiras».

Desta volta tratarán de armar un relato que ilustre algúns dos posibles estadios do cinema contemporáneo desenvolvido polos cineastas Sorayos Prapapan, Miryam Charles, Agustina Pérez Rial, Tyler Taormina, Helena Wittmann, Bianca Lucas, Brent Chesanek, Brent Chesanek, Cyril Schäublin e Leonardo Mouramateus. Na sección Latexos, estarán os traballos de Malena Solarz, Carlos Pardo Ros, Ione Atenea e Amat Vallmajor del Pozo.

O festival procura indagar como se elabora o cinema deste tempo caracterizado pola mencionada disolución de lindes, a relectura da relación dos aspectos xenéricos, ideolóxicos e estéticos, así como a reconstrución dos discursos canónicos en diálogo coas obras clásicas. As propostas que converxen en Novos Cinemas exploran e cuestionan o imaxinario colectivo de comunidades onde historia e mito son case indistinguibles, revisando os mitos das sociedades contemporáneas, reflexionando sobre a maneira en que se erixe a memoria. «Son derivas que encontran no entrecruzamento xenérico e na sensorialidade marítima e nocturna as súas grandes aliadas. Relatos que ilustran por que o tren, o reloxo e a fotografía cambiaron as nosas vidas para sempre. Narracións de marcada filiación literaria nas que o azar e o imprevisible son as únicas constantes», sinala a organización.

Unha desas historias é a do cineasta aragonés Raúl Capdevila, que inaugura o festival o próximo 13 de decembro coa estrea en Galicia de Los saldos (2022), a súa primeira longametraxe, coproducida xunto ao coruñés Andrés Sanjurjo e cunha temática próxima á do galardoado filme de Carla Simón Alcarràs en canto que se moven nas coordenadas do traballo que define ao suxeito e a estética da resistencia. Porén, Capdevila distánciase de Simón coa súa fermosa homenaxe á estrutura do wéstern estadounidense, matiza Novás, na loita do feble e o forte, da xustiza contra a inxustiza, nunha evocación do binomio terratenentes-gandeiros. En Los saldos, José Ramón Capdevila, último de tres xeracións de labregos e gandeiros, recibe a seu fillo Raúl, que retorna ao fogar tras non atopar emprego na cidade. Coa esperanza de albiscar un futuro, ambos volven traballar xuntos na granxa, ao tempo que, no lugar, se ten noticia de que un importante grupo cárnico pretende construír un enorme matadoiro. O certame quere que esta obra de apertura dialogue coa que fecha o programa, o filme do realizador arxentino Santiago Fillol Matadero (2022), unha cinta moi intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa en 1974. «Historias universais, emblemas —argúe Novás— para repensar a nosa forma de estar no mundo». Outro traballo arxentino, Danubio (2021), dirixido por Agustina Pérez Rial, un documental inédito en España, ofrecerá unha relectura da historia analizando as relacións da cultura, a resistencia e o poder nunha época de gran militarización naquel país, a finais dos sesenta.

O festival ofrece un monográfico dedicado á obra cinematográfica da realizadora, guionista e produtora lisboeta Susana Nobre, da que se proxectarán varios filmes.
O festival ofrece un monográfico dedicado á obra cinematográfica da realizadora, guionista e produtora lisboeta Susana Nobre, da que se proxectarán varios filmes. Novos Cinemas

Nesta entrega, o certame dedicará a súa retrospectiva á cineasta lusa Susana Nobre (Lisboa, 1974), realizadora, guionista e produtora, coa proxección de O que pode um rosto (2003), Lisboa-província (2010), Provas, exorcismos (2015) e No táxi do Jack (2021). Nobre protagonizará un encontro co público no que falará da evolución da súa obra e amosará imaxes inéditas da súa última película, Cidade Rabat.

«O cine non é o sofá e o televisor na casa, é compartir»

O propósito primeiro do festival Novos Cinemas, di Suso Novás, é axudar á xente que está comezando no cine, os novos talentos, directores, produtores, guionistas, todos os profesionais do medio. «Temos que darlle agarimo, arroupalos, protexelos e, por suposto, facer descubertas para nós, para o público», incide para recalcar que o proxecto naceu para complementar o itinerario cultural que conforman os festivais da comunidade. «Debemos respectar o traballo dos compañeiros, evitar duplicidades e achegar o noso gran de area», apunta para admitir que se senten cómodos con outros certames como o Play-Doc de Tui, o (S8) da Coruña, o Galician Freaky Film Festival de Vigo e o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía.

Non hai que esquecer, porén, recalca Novás, que, aínda que se pode estar errado, programan para o espectador, «pensando no cine que se debe ver». E empuxando ao público ás salas coa presenza dos autores, buscando a interacción do afeccionado e os profesionais, e tamén a relación social: «Queremos que a xente goce, porque o cine non é o sofá e o televisor na casa, iso é consumo doméstico, o cine é compartir».