Patrocinado por

San Sebastián de Ponte de Ceso: a ermida do Paraíso

juan félix neira pérez

VEN A GALICIA

JUAN FÉLIX NEIRA

Era unha das catro de Cesullas, en Cabana, das que só a de San Fins resiste

09 dic 2022 . Actualizado a las 18:49 h.

Unha lingua de terra de suave perfil, bañada polo Anllóns que «camiña ó seu destino derradeiro», lambe case a faldra do monte Branco. Fronte a el e sobre un pequeno outeiro, alzouse en tempos pretéritos a humilde capela de san Sebastián de Ponte de Ceso, da que case nada se sabe, salvo que existiu polo menos desde 1548, data na que xa xurdira tamén o topónimo Ponte de Ceso —hoxe Ponteceso de Cabana— para aludir á marxe esquerda do Anllóns. En efecto, a máis antiga noticia que dela temos data da visita pastoral de 1548, cuxo manuscrito se conserva no Arquivo da Catedral de Santiago. O visitador sinala que en San Estevan de Çeçullas hai catro ermidas: san Finz do Castro, santa María da Calçada, san Lorenzo de Dono Mouro e san Sebastián da Ponte de Ceso. Só a primeira se mantén en pé; as outras tres, como diría o poeta, convertéronse «en tierra, en humo, en polvo, en sombra, en nada», pero aínda darán algunha sorpresa. Ata o século XVI, fora san Sebastián o santo avogoso contra a peste, pero desde entón san Roque vai substituílo nesta función, ata tal punto que acabará sendo, con santo Antonio de Padua, un dos santos case imprescindibles en todas as parroquias galegas.

A ermida de san Sebastián era unha máis das abundantes que salpicaban a costa, como as de santa Mariña de Razo ou de Niñóns, san Bartolomeu do Mar de Cambre ou santa María de Viastela de Corme... Pero ningunha, todas elas fronte ao bravo mar, gozou da paisaxe remansada e tranquila da desembocadura do Anllóns. Durante moito tempo o outeiro foi un eucaliptal, pero unha recente corta permite incluso observar fragmentos de tella da antiga capela no cumio, onde a feitura dalgunhas pedras de granito invita a pensar que estas puideron formar parte do pequeno edificio; ademais, aprécianse restos de extracción de pedra —se cadra para facer a capela mesma— nas cuñeiras de canteiro nun penedo. Talvez a ermida foi construída, segundo costume xeneralizada, sobre unha mámoa que, en todo caso, nin está catalogada. Contábanos Mercedes, unha veciña do Couto de avanzada idade, que neste monte había «unha zanja con pedras, algo profunda, e uns que traballaban na casa de Valdés dicían que eran cousas do poeta» e que «había un pino rastreiro e o poeta quería ser enterrado ao pé del». É posible pensar que aquela depresión con pedras que tanto atraía a Pondal era unha mámoa profanada polos buscadores de tesouros. En fin: o lugar non carece de potencia histórica, arqueolóxica, paisaxística e ata literaria.

O último tramo do sendeiro marítimo que percorre gran parte da ribeira de Cabana acaba de concederlle ao monte de San Sebastián certo protagonismo, xa que remata case aos seus pés. Sería unha ocasión magnífica para que o Concello de Cabana valorase a posibilidade de explotar as potencialidades de tan fermoso lugar. Cabana sabe dignificar o seu patrimonio, como demostra a adquisición da Torre da Penela. Paga a pena intentalo. Desde San Sebastián a experiencia é case relixiosa: converteríase nun dos miradoiros referenciais da comarca. Nin sería preciso un banco deses tan odiados polos vándalos: na cima do outeiro, unha longa crista de pedras agardan para converterse na bancada do máis fermoso anfiteatro de Bergantiños.