O proxecto «Nadal en familia» propón sesións para a conciliación
13 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A cidade de Ourense viu como a falta de apoio das institucións remataba co ciclo dun dos proxectos máis emblemáticos das datas de Nadal, a MOTI. A cita para o público infantil tivo que suspenderse este ano ao quedar sen apoio da Universidade de Vigo —antes xa fora o Concello de Ourense o que lle retirara a axuda— e a organización da Mostra Ourensá de Teatro Infantil anunciaba unha paréntese na súa traxectoria, ata que volvan tempos mellores.
O baleiro deixado pola Moti será cuberto en parte pola aposta do Teatro Principal, quen reforzou para este decembro a súa oferta para os máis novos e contará cun programa especial chamado Nadal en familia. Serán cinco espectáculos —e oito sesións— e nos mesmos o Principal aposta por ofrecer ao público familiar unha ampla variedade de xéneros: teatro, danza ou circo terán protagonismo no escenario da rúa da Paz durante as próximas semanas. A sesións foron presentadas pola directora do Principal, Olga Mojón, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández Gil.
Catro citas da La fiesta escénica
O Nadal en familia comezará coa presenza do proxecto da formación do Val Miñor La fiesta escénica. Chegarán ao escenario ourensán co proxecto Galtük, un sueño de Navidad. Serán catro os pases do espectáculo: o día 23 en sesións de 18.00 e 19.30 horas e o día 26, ás 12.00 e ás 18.00 horas. La fiesta escénica propón un espectáculo de circo no que se conta a historia dunha cativa valente que vive todo tipo de aventuras na compaña de diversos personaxes que lle axudarán a avanzar superando todos os atrancos.
Unha das formacións históricas da escena galega, Talia Teatro, traerá ao Principal a súa montaxe Voa voa. Representarase o día 27, ás 18.00 horas. Artur Trillo é o autor e director desta montaxe, protagonizada por María Ordoñez e Toño Casais, dirixida especialmente ao público infantil que ten como obxectivo gozar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Xoana baixa todas as tardes ao parque despois de merendar. Alí cadra con Anxo, un neno introvertido que é máis de quedar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai enredando nos xogos que lle propón Xoana, que son os mesmos que a ela lle ensinou a súa avoa.
A nena que vivía nunha caixa de mistos é a proposta escénica de Caramuxo Teatro para o día 28. Haberá dúas sesións: ás 12.00 e ás 17.00 horas. Dirixida por Juan Rodríguez —autor do texto xunto a Laura Sarasola—, está protagonizada por eles dous e por Fernando Román. A nena que vivía nunha caixa de mistos está inspirada no conto clásico de Andersen A vendedora de mistos. Cunha linguaxe contemporánea, a obra de Caramuxo Teatro aborda o tema da pobreza infantil e a orfandade, mais cunha mensaxe positiva sobre o poder do cambio.
O Nadal en familia pecharase coa montaxe Nina Ninette, creada e dirixida por María Torres. A proposta de Traspediante achegará a danza ao programa do Principal. Nina atopa unhas flores especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico. Cando decide volver a casa a cousa complícase ao entrar nun mundo de labirintos. A montaxe poderase ver o día 28, ás 17.00 horas.
Na presentación do programa Olga Mojón e César Fernández coincidiron en que a aposta do Principal pasa por contar para as próximas semanas cunha programación para achegar a cultura aos máis pequenos e facilitar a conciliación familiar.