Patrocinado por

Novos Cinemas arranca en Pontevedra co estreo en Galicia de «Los saldos», opera prima de Raúl Capdevila

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

12 dic 2022 . Actualizado a las 19:34 h.

A sétima edición de Novos Cinemas arranca este martes co estreo en Galicia de Los Saldos (20.30 horas. Teatro Principal). A opera prima de Raúl Capdevila é un documental de produción galega que foi «estreado mundialmente no prestixioso certame helvético Visions du Réel, no que colisionan os conceptos de granxa e macro-matadoiro».

Nesta peza audiovisual, José Ramón Capdevila, o último de tres xeracións de labregos e gandeiros, recibe a noticia de que o seu fillo Raúl vai volver á casa despois de non atopar traballo na cidade. «Coa esperanza de encontrar algo mellor, ambos volven traballar xuntos na granxa, ao tempo que, na vila, se anuncia o desembarco do Grupo Pini, importante empresa do sector cárnico que quere construír un enorme macro-matadoiro», referiron dende a organización do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra.

Previamente, e ao longo de toda a tarde, desenvolverase o LAB de Novos Cinemas. Nesta edición seleccionáronse os futuros proxectos de Delfina Carlota, Elisa Celda, Carmen Pedrero e Sara Traba, que estarán titorizadas por un equipo formado pola socióloga, xestora cultural, docente, consultora e deseñadora de audiencias Isona Admetla; o cineasta Eloy Domínguez Serén; a coordinadora editorial e programadora de Filmin Elodie Mellado; e a produtora, performer e directora teatral Montse Triola.

En todo caso, Novos Cinemas comezará coa proxección das pezas do obradoiro que o festival leva en colaboración coa Universidade de Vigo, impartido nesta edición polos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado. En Como vibracións a través do espazo, o alumnado puido explorar fontes que abordan o cinema desde unha perspectiva ampla e nas que a sensorialidade xogase un papel relevante.

Dende as 16.30 horas, exhibiranse os traballos de Sara Alonso López, Fernando Areal Alvite, Antía Encisa González, Alejandro Fernández Viador, Tamara Goberna García, Alejandro López Mera, Alba Pérez Álvarez, Ana Laura Rodríguez Esteves, Andrea San Miguel Cabaleiro e Enrique Pena Vites.

Ata o 18 de decembro programáronse trece filmes na Sección Oficial e na Sección Latexos que proceden de países como Tailandia, Singapur, Países Baixos, Filipinas, Canadá, Arxentina, Alemaña, Francia, Polonia, México, Estados Unidos, Suíza e Brasil. As entradas poden mercarse en Ataquilla.com a 3 euros, no caso das sesións individuais, e 18 euros os abonos.