Actuarán compañías de Valencia, Navarra, País Vasco e Estremadura
15 dic 2022 . Actualizado a las 12:33 h.Cinco compañías procedentes de distintas comunidades autónomas levarán a Catoira os seus espectáculos esta fin de semana. Esta programación lévase a cabo ao abeiro do Proxecto Senda, unha iniciativa estatal para levar as artes de rúa ás poboacións de menos de cinco mil habitantes.
En Catoira xuntaranse compañías de Valencia, Navarra, País Vasco e Estremadura traballando diferentes disciplinas de rúa: correfocs, danza vertical, teatro, instalacións e performances.
O programa ábrese o venres ás 19 horas co e espectáculo pirotécnico itinerante Cavaltheos, de Producciones Scura. Trátase dun correfocs valenciano que partirá desde a Rúa da Estación ata a Alameda, acompañado de música.
O sábado 17 de 11 a 13.30 e 15.30 a 18 horas haberá os xogos tradicionais Larun, da compañía Jokai. Instalaranse na Alameda xogos populares, creativos, inclusivos, cooperativos e artesanais inspirados na mitoloxía vasca. As 13 horas empezará a Danza vertical Harria Herria, de Harrobi Dantza Bertikala, na parede traseira do auditorio. Ás cinco da tarde será a quenda de Mercachifles, de Teatrapo Producciones, cun espectáculo, que combina teatro, clown e música. Ás 18.30 horas chegará Él/La, de Teatro Pho, un espectáculo multimedia, performático e interdisciplinar sobre a igualdade de xénero baseado nun documental rodado coa xente de Catoira.
Este programa de actividades está xestionado por PATEA (Artes de Calle Asociadas) e con el preténdese desenvolver un circuíto de artes escénicas na rúa e achegalo a localidades rurais. Para iso contan co apoio do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) do Ministerio de Cultura e do propio Concello de Catoira.