Suso Novás, director de Novos Cinemas: «As salas de cinema non poden ser substituídas por nada»
VEN A GALICIA
O pontevedrés destaca que o festival internacional busca xerar unha panorámica da «diversidade» do cinema emerxente
15 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Metido de cheo na voráxine propia dun festival de cine, Suso Novás, director de Novos Cinemas de Pontevedra, recoñece que, a pesar de ter cumprido xa sete edicións, «nunca estamos consolidados. Estamos construíndo sempre. Si estamos nun bo momento, pero creo que os proxectos están en construción permanente. No momento que penses que estás asentado, creo que te estás errando».
—Que é o máis complexo de traer a Pontevedra un festival internacional destas características?
—Supoño que, como todo, serán as loxísticas, os protocolos de negociación, conseguir equipos cohesionados... A única maneira de facer un festival e contando cun bo equipo. E logo, sobre todo, ter paciencia. Estamos nun momento que os protocolos de negociación pódense complicar, pero como en calquera outro evento. Todo o que está antes do festival.
—E como se seleccionan as películas? Que criterios utilizan?
—O que intentamos sempre é xerar unha especie de panorámica ou de foto onde poidan estar representadas as diferentes vertentes do cinema contemporáneo, neste caso, centrados nos e nas cineastas emerxentes. Intentar que sexa un menú diverso que reflicta o estado do cinema contemporáneo. Ten que haber un pouco de todo. Podemos estar máis o menos acertados, podemos en anos estar más atinados ou non, pero a vontade é ofertar unha proposta de programación buscando, sobre todo, a diversidade.
—De feito, este ano os ámbitos que se abordan nos filmes de Novos Cinemas van dende a ciencia-ficción ata a polémica que xeran os macro-matadoiros...
—Si, diso se trata... que haxa diversidade a nivel estético, a nivel temático, a nivel formal e, logo tamén, que os propios filmes establezan diálogos co espectador nos tempos que estamos vivindo. Moitas das películas, aínda que versen sobre temas históricos, tamén están dialogando co presente. Isto é importante. Estamos nun intre no que temos que reflexionar moito e non está mal que as propostas nos saquen da zona de confort. Divertirnos, si, pero facéndonos pensar.
—Facéndonos pensar, pero tamén facéndonos ir ao cine, que moitos parecen que o olvidaron nestes últimos anos.
—Este é un apunte moi importante. Todo o que facemos no domicilio está moi ben, pero a experiencia da sala de cinema non ten comparación. É algo ritual, comunal, compartes experiencias con xente á que coñeces ou non, e coa que estás nun mesmo espazo de tempo. Para min as salas de cinema teñen unhas connotacións que non poden ser substituídas por nada, por absolutamente nada.
—Sobre todo, porque non estás pendente do móbil.
—Xustamente. E logo o que teñen os festivais, a súa razón de ser, é a promoción da interacción social. Que veñan profesionais, que a xente poda falar con eles, que todo o mundo poida participar dun xeito natural falando cun director ou un produtor, acudindo a sala... É facer comunidade.
—A sección Foco está adicada á lisboeta Susana Nobre. A portuguesa é unha cinematografía tan próxima e, á vez, tan lonxana?
—Si. A emerxencia, por emerxente, do cinema portugués dende fai bastante tempo é incuestionable. O caso de Susana para nós era moi paradigmático porque é guionista, produtora, realizadora e a súa obra é como un corpus en construción constante onde unhas obras dialogan coas outras. Sempre se move nese territorio difícil de manexar entre a ficción e a non ficción. Dende o equipo consideramos que había que facer un Foco con ela.
—A maiores, que poderemos atopar ata o domingo?
—Diversidade, imos a ter a sorte de ter a tres cineastas in situ na sección Latexos, outros tantos na sección Oficial, pero tamén encontros con profesionais, un obradoiro de son con Alberto Carlassare que ninguén se debería perder, actividades con escolares, divertimento, seccións informativas, unha clausura que dialoga coa apertura... É unha especie totum revolutum, máis o menos, armado que intenta amosar a diversidade do cinema e, sobre todo, por sobre a mesa que o cinema o fan persoas para persoas.