A Deputación xestionará 4,5 millóns para plans de sustentabilidade turística
VEN A GALICIA
Desenvolverá os destinos de cabo Ortegal, fragas do Eume e os fogóns do Anllóns
16 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O departamento de Turismo da Deputación da Coruña xestionará co cambio de ano a primeira anualidade dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino de cabo Ortegal, fragas do Eume e os fogóns do Anllóns, cunha achega de 4,5 millóns dos fondos Next Generation para os tres proxectos.
O Xeoparque de Ortegal implica aos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. As intervencións incluídas neste proxecto están orientadas a iniciativas de desenvolvemento territorial sustentable que impliquen a protección e conservación do territorio, a promoción do desenvolvemento económico, social e ambiental nestes concellos, e o fomento do turismo, especialmente o vinculado á cultura, á natureza e á atención aos valores xeolóxicos. Deste xeito, o proxecto de Xeoparque do cabo Ortegal tamén se presenta como unha oportunidade para dinamizar o territorio rural, ofrecer alternativas que reteñan o talento, frear o despoboamento e ofrecer posibilidades de desenvolvemento, especialmente para a poboación máis nova.
Catro eixos no Eume
O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino das fragas do Eume implica aos cinco concellos da comarca: As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela. Os catro eixos incluídos na memoria técnica recollen intervencións enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio; incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico e económico que se quere implantar; diversificar a oferta nos ámbitos turístico, cultural e no das novas tecnoloxías; e garantir que o capital natural do sistema turístico vai tender á perennidade, é dicir, que non se vai distorsionar este entorno tan sensible como é a propia fraga nin os usos de carácter natural que debe ter este ecosistema.
Estes dous proxectos foron aprobados na convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a principios de novembro, o que foi celebrado polo vicepresidente da Deputación e responsable da área, Xosé Regueira. «Son proxectos altamente comprometidos co territorio, coa conservación do medio natural e que tamén teñen o medio natural como motor de desenvolvemento», indicou Regueira, quen destaca a colaboración «intensa» entre a Deputación, a Axencia de Turismo de Galicia e os concellos.
E este mesmo xoves chegou outra boa nova. Durante os últimos meses a Deputación estivo a traballar para incorporar os fogóns do Anllóns nun destes plans con fondos Next Generation, obxectivo que acaba de conseguir. Neste caso o piar fundamental é unha forte aposta pola gastronomía local dos concellos implicados: Carballo, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco. O proxecto tivo que adaptarse a catro eixos transversais para acceder ás axudas europeas: unha transición verde e sostible potenciando os miradoiros ou praias fluviais e eliminando especies invasoras; a mellora da eficiencia enerxética con servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismos e unha aposta polo sendeiro Anllóns, que percorre 53 quilómetros por cinco concellos; a transición dixital aplicando os códigos QR á gastronomía local; e incrementar a competitividade renovando a imaxe dos restaurantes, as feiras, ou creando rutas gastronómicas que aposten polo produto de proximidade.
«Potenciaremos produtos como o pan e as fabas de Carballo, a pataca de Coristanco, o berberecho de Baldaio, as cereixas de Paiosaco ou as angulas de Ponteceso, e as festas que se celebran arredor deles», sinalou Xosé Regueira.
O Xallas e as visitas ao monte Pindo, entre os próximos retos patrimoniais
A posta en valor do patrimonio segue capitalizando unha parte importante do esforzo de xestión de Turismo da Deputación cun investimento de máis de 2,6 millóns de euros. Proxectos xa en marcha na Arousa-Barbanza, en Terras de Compostela, en Cabo Ortegal e na Costa da Morte, verán importantes avances no vindeiro 2023 coa compra dos terreos onde se atopan os dolmens no caso do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, e dos petróglifos no de Compostela Rupestre (logo que durante este ano se procedera á valoración catastral dos mesmos). A eles engadiranse os proxectos de recuperación das marxes e do patrimonio fluvial, material e inmaterial do río Xallas, e a mellora da experiencia turística na visita ao monte Pindo.
Outros patrimonios singulares da provincia da Coruña propiedade Deputación como son o dolmen de Dombate, o mosteiro de Caaveiro, o pazo de Mariñán ou as torres do Allo, tamén serán obxecto de investimentos dedicados á actualización e dixitalización de contidos e mellora dos sistemas expositivos. Mais seguirase traballando en xacementos singulares en colaboración coas equipas de investigación das universidades como nos casos de Portomeiro (Val do Dubra) e Brandomil (Zas).
Pero o patrimonio provincial é aínda máis extenso. A Deputación da Coruña xestiona, ademais dos lugares citados, as torres de Altamira do século XI en Brión, o dolmen de Axeitos en Ribeira e o de Cabaleiros en Tordoia, ou a casa Wenceslao Fernández Flórez construída polo arquitecto Antonio Tenreiro en Cecebre (Cambre) e onde o escritor se inspirou para escribir El bosque animado. A Administración provincial tamén xestiona dous centros de interpretación, un sobre a natureza no coto de Chelo en Coirós, e outro etnográfico en Teixeiro (Curtis). Tamén é a titular dos batáns do Mosquetín e do castelo de Vimianzo.
Orzamento Turismo 2023: 5.815.080 € Non inclúe a achega dos fondos Next Generation para os plans de sustentabilidade.
Promoción turística: 1.450.000 € Fondos para as axudas aos concellos para promover o seu patrimonio.
Axudas a asociacións: 1.330.000 € Inclúe o apoio ao patrimonio marítimo e á organización de congresos e eventos.
Mancomunidades: 450.000 € Achega para instancias supramunicipais, como consorcios, para a promoción turística.