Patrocinado por

O Gaiás transfórmase nun bosque de papel ata o día 6 para celebrar o Nadal

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

XOAN A. SOLER

Obradoiros, teatro, música e visitas familiares conforman a programación

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha fraga invernal branca como a neve habitada por raposos, coellos, paxaros e flores, todos construídos con papel e cartón. Niso se converte o hall de tirantes do Museo Centro Gaiás ata o 6 de xaneiro. Un bosque de papel que terá como complemento neste Nadal na Cidade da Cultura outras actividades, como obradoiros, teatro, visitas especiais, música e unha proposta renovada do Galiverso para que tamén poidan gozar dela a rapazada.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu onte ao arranque do Nadal no complexo do Gaiás, que inclúe luces que percorren os edificios e o Bosque de Galicia para guiar ás persoas visitantes ata esta especial fraga que escapa do contexto nórdico e está ambientada en Galicia. Non faltará tampouco nese bosque de papel a xa tradicional árbore xigante, que contará con adobíos feitos coa técnica de origami. Precisamente, a modo de lembranza dos dez anos co centro Gaiás, os carteis e folletos das actividades que acolleu desde a súa apertura teñen unha segunda vida como base para a elaboración destes detalles.

As actividades

Obradoiros. O papel será o protagonista dos obradoiros que se desenvolverán no marco deste bosque especial. Todas as tardes, de 17.00 a 19.00 horas, ata o día 30 —agás o 19, 20, 21, 24 e 25—, a rapazada a partir de 6 anos, acompañados dunha persoa adulta, poderá participar no obradoiro Factoría de Adornos. Elaborarán pequenos enfeites como barquiños, estrelas e bólas, que os asistentes poderán colgar na gran árbore ou levalos para a súa casa. Ademais, esta mañá está programado de 11.00 a 13.00 horas un obradoiro de adornos para maiores de 14 anos. Neste último caso fai falta inscribirse previamente.

 

 

Concerto cos trasnos de Nadal. A Biblioteca de Galicia acolle hoxe desde as 18.00 horas un concerto didáctico con cinco instrumentos. A escenografía recrea unha Galicia imaxinaria na que se presenta a vida dos trasnos galegos. As prazas para a actividade están esgotadas.

 

Visita familiar á exposición «De lugares e cousas». A entidade dependente da Xunta programa visitas especiais este Nadal. Entre elas, un percorrido pola mostra De lugares e cousas. Os visitantes (é preciso a asistencia dun adulto) mergullaranse no mundo da arte contemporánea a partir de seis das pezas. A idade recomendada é a partir dos 8 anos, e hai que inscribirse previamente. Hai quendas do 27 ao 30 deste mes e do 3 ao 5 de xaneiro.

 

 

Xincana familiar de arquitectura. Nesta proposta, a medio camiño entre xogo de exploración e concurso de preguntas, as familias aprenderán de maneira lúdica como foron construídos os edificios da Cidade da Cultura e as súas curiosidades máis divertidas. Estes percorridos serán do 27 ao 30 deste mes e despois do 3 ao 5 de xaneiro. Tamén é gratuíto, pero é preciso anotarse. Requírese a presenza dun adulto para acompañar á cativada.

Teatro de marionetas «Ás para Álex». O día 29, ás 18.00 horas, a compañía Baobab Teatro representará con marionetas «Ás para Álex», unha montaxe na que se aborda a necesidade da esperanza e o xogo para superar os atrancos e dificultades da vida, e neste caso concreto para soportar unha enfermidade. Trátase dunha obra comprometida, divertida e chea de tenrura. As entradas, que custan 5 euros, están á venda a través de Ataquilla.

 

Unha visita á casa do Apalpador nunha versión especial do Galiverso

O Galiverso, a instalación de realidade virtual que permite achegarse a unha ducia de enclaves galegos, contará cunha edición especial neste Nadal. Entre o 2 e o 5 de xaneiro, de 11.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas, trasladarase ao andar -1 do Gaiás incrementando os postos de tres a quince. Ademais, estreará una edición especial familiar para que a cativada menor de doce anos poida tamén gozar da iniciativa, neste caso, terán a posibilidade de mergullarse na casa do Apalapador. A duración será menor que no resto de experiencias —só cinco minutos— e poderán empregala os menores de entre 6 e 11 anos.

Por outra banda, a Cidade da Cultura organiza unha nova edición do concurso infantil de postais para rapazada de ata 12 anos. O prazo para presentar os debuxos remata o día 22.

Propostas especiais na biblioteca Ánxel Casal, no CGAC e no Museo das Peregrinacións

A programación especial deseñada pola Xunta de Nadal en Rede a través da Consellería de Cultura non só inclúe en Santiago á Cidade da Cultura. A biblioteca Ánxel Casal contará con obradoiros, contacontos e mostras bibliográficas. O día 23 chegará o contacontos Kamishibai de Nadal da man de Juste Kamishabi. O día 26 haberá un obradoiro de «lettering» e o 29, outro de «scrapbook». A última cita será o contacontos Apalpadora, de Velaísca.

Pola súa banda, o CGAC conta con dúas sesións do seu taller de Nadal do 27 ao 29 deste mes e do 3 ao 5 de xaneiro. O Museo das Peregrinacións acolle hoxe un obradoiro e cabaré familiar.