A Cidade da Cultura organizou ao longo deste período 2.000 actividades
18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O 15 de xuño do 2012, a exposición Gallaecia pétrea alzaba o pano dun novo edificio na Cidade da Cultura: o Museo Centro Gaiás. Con ela botaba a andar non só un lugar de exhibición que durante a súa primeira década acolleu 32 mostras, senón un punto de encontro e apoio á creación artística, un espazo escénico contemporáneo e, na súa etapa máis recente, unha factoría de contidos que traspasa os lindes do complexo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman.
«Temos que estar moi contentos destes dez anos porque fomos capaces de armar unha infraestrutura nova, que nacía de cero, no medio da crise, nunha cidade como Santiago, que ten unha oferta cultural importante. [...] Os datos fannos ser tremendamente optimistas. Levamos máis de 30 exposicións nestes dez anos e 840.000 visitantes», explica o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
Unha década na que o Museo Gaiás teceu relacións con institucións e coleccións de todo o mundo logrando a súa confianza para poder achegar proxectos ou pezas por primeira vez a Galicia ou incluso a España, como aconteceu neste décimo aniversario coa instalación inmersiva Carne y Arena, dirixida polo oscarizado cineasta Alejandro G. Iñárritu, ou con anterioridade coa chegada do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, que foi o núcleo de Castelao maxistral. «Creamos unha rede de traballo nacional e internacional boa na que o Museo Centro Gaiás está moi ben acollido e moi ben valorado. Iso vese en ter proxectos expositivos que se non fose así sería imposible. Por exemplo, a mostra do Vitra Museum, eles deciden en que sitios queren estar», afirma a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Ao longo destes dez anos, o museo dependente da Xunta estableceu alianzas e colaboracións con museos como o de Òrsay, o MoMa, o Bristish Museum, o Rijksmuseum, a Galería dos Uffizi de Florencia, as Bibliotecas Vaticanas, o Museo do Prado, o Reina Sofía e o Thyssen, entre outros.
Entre as 32 exposicións que se desenvolveron resaltan non só a que acolleu o icónico cadro de Castelao, senón tamén entre as recentes Faraón. Rei de Exipto, que se converteu na mostra máis visitada, superando ás 76.000 persoas que percorreron as súas salas para ver as pezas procedentes do British Museum —houbo picos de 3.000 persoas e nalgunhas semanas había ringleiras no exterior—. Tamén sobresae a triloxía de exposicións sobre Galicia enmarcadas no Xacobeo —Galicia, un relato no mundo; Galicia, de Nós a nós; e Galicia Futura— e as de artistas galegos como Díaz Pardo, Pestana, José Suárez ou a de Laxeiro.
Non é só exhibición, así que nesta década, na Cidade da Cultura desenvolvéronse 2.000 actividades reunindo millón e medio de participantes, fai balance Anxo Lorenzo.
O centro incidirá no apoio á creación e na súa faceta como factoría de contidos
Este ano xa puxo en marcha un proxecto de itinerancias expositivas
M. G. Iglesias
O Museo Centro Gaiás é moito máis que un lugar exposición. Así queda patente coa súa aposta por converterse nunha factoría de contidos e co apoio á creación, ademais do resto de iniciativas que xorden ao seu abeiro, como o festival Escenas do Cambio. «Naceu pensando na programación cultural e expositiva aquí no Museo Centro e neste últimos anos temos unha vocación de chegar a outros sitios cun plan de itinerancias de mostras xeradas aquí», afirma o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo no transcurso dun encontro para abordar a primeira década das instalacións.
Nesa faciana de xerar contidos do Gaiás destaca este ano a proposta Cidades no tempo, que recorre as cidades galegas para achegar a súa propia historia. «Imos seguir traballando nese novo eixo que é producir algo que xa non só se expón aquí, senón que é para verse ao longo do noso territorio», destaca a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Precisamente, na folla de ruta do museo conta cun apartado importante a internacionalización. «Cando falamos dela, non só se trata de traer obra desde fóra e que confíen en nós desde outras institucións, senón tamén en levala fóra. [...] Facemos de plataforma de xeito que se ve non só en Galicia e a nivel nacional, senón tamén internacional. É un traballo arduo no que imos seguir incidindo», resalta a dirixente. Nese ámbito, de levar a creación galega fóra, enmárcanse, por exemplo, as colaboracións como as da Embaixada de España en Francia ou o Instituto Cervantes, que farán posible que Laxeiro poida amosarse en París o vindeiro ano.
Outra das grandes liñas de actuación está centrada no apoio á creación. Este ano o programa de Residencias Artísticas do Galiás (Rega) deu acubillo a 25 propostas. «No Gaiás cada vez máis é fundamental favorecer a creación [...] Cada vez ímonos focalizar máis en como podemos axudar aos diferentes sectores creativos galegos nesa xeración de obras», subliña Anxo Lorenzo.
Pero xunto a estas iniciativas, hai que lembrar outras actividades que se desenvolven noutros eidos, como o festival Escenas do Cambio e os ciclos musicais ao longo do ano.
Visualizar aos artistas galegos, ligazón co Xacobeo e un Centro de Artes Dixitais
Na folla de ruta da Cidade da Cultura ata o 2030, ademais da axuda a creación e a aposta pola internacionalización, toma importancia seguir traballando para visualizar artistas e creadores galegos de referencia histórica. «Queremos ter todos os anos un proxecto ou varios vinculados con eles», afirma o director xeral de Cultura. Iso si, deixa claro que sen perder a vertente máis contemporánea. Outra das apostas é por manter proxectos vinculados ao Xacobeo, dado que o Camiño tamén pasa polo perímetro do complexo. «Somos absolutamente permeables ao contexto que estamos vivindo», engade, apuntando que unha das datas de referencia é o vindeiro ano santo, o 2027. Por último, está a aposta pola tecnoloxía, con Galiverso como aperitivo do futuro Centro de Artes Dixitais.
Un aniversario con proxectos internacionais e de realidade inmersiva
A Xunta de Galicia articulou unha programación especial con motivo do décimo aniversario, que incluíu proxectos de relevancia. Entre eles destacou a vangardista experiencia inmersiva de realidade virtual dirixida polo cineasta Alejandro G. Iñárritu, Carne y arena (Virtualmente presente, físicamente invisible), que introducía aos participantes na pel dos migrantes. O público respondeu ao proxecto e ocupáronse máis do 90 % das prazas dispoñibles mentres permaneceu aberta o pasado verán, xa que polas condicións da instalación só se permitía a tres visitantes de xeito simultáneo. «No Museo Gaiás temos o gran desafío de adaptarnos a unha sociedade cambiante. Iso vímolo claramente con esta actividade inmersiva de Carne y arena. A sociedade cambia en hábitos de goce da cultura, non só a pandemia nos puxo no ámbito das tecnoloxías», explica María Pereira, directora de Acción Cultural da institución.
A última das mostras inauguradas no Gaiás, coa que a Xunta pecha o Xacobeo 22-23, Camiños creativos, foi outra das grandes apostas deste ano. A exposición explora o vencello entre movemento e arte. Entres as cento de obras desde o século XVIII ata a actualidade que se amosan atópanse pezas de Turner, Constable, Hockney, Julian Opie, Jeppe Heine e Cristina Iglesias, entre outras. «Participaron máis de trinta institucións», detalla Pereira. A responsable de Acción Cultural incidiu que ao longo destes dez anos sempre buscaron «facer proxectos de calidade, cuns estándares contrastados».
Outro dos aspectos salientados ao longo da traxectoria do Museo Gaiás, segundo resaltan tanto o director xeral de Cultura como a directora de Acción Cultural, foron os equipos de traballo. «Contamos cos mellores no seu ámbito», sinala Anxo Lorenzo.
Un edificio con espazos «sorprendentes»
No Museo Gaiás non só está o contido con esas 32 exposicións nunha década, senón que o continente tamén xoga un papel importante. Así queda patente na boa acollida que teñen as visitas arquitectónicas que se desenvolven en todo o complexo ou as específicas ao propio centro que se organizaron a pasada primavera.
«Trátase dun edificio que nunha primeira impresión non transmite o tamaño realmente enorme que ten. [...] É un espazo dunha altura moi grande, con máis de 20 metros de altura e máis de 120 de lonxitude, que resulta asombroso polo tamaño e pola cualidade dese traballo. Parece que está todo torto, que nada garda un paralelismo, é realmente están todos os piares principais que soportan a cuberta dando a referencia de cal é vertical en cada momento», afirma Antonio Maroño, arquitecto da oficina técnica da Cidade da Cultura.
Maroño destaca como as visitas arquitectónicas ofrecen posibilidades de acceder a espazos que non están abertos ao público que son «moi sorprendentes polo seu tamaño ou xa pola súa propia existencia». Entre eles, a galería subterránea que conecta todo o subsolo, os montacargas —o do museo ten capacidade para elevar 11 toneladas—, ou esas visitas «entre esas peles do edificio que deixan uns espazos ocos», así como as centrais de calor ou frío. Resaltou, ademais, que se trata dun complexo «do que non hai case parangón» polo seu diálogo co casco histórico.
visitas didácticas
«É unha necesidade achegar os contidos aos escolares»
Preto de 65.000 escolares visitaron o Museo e a arquitectura do Gaiás ao longo da década aproveitando as visitas didácticas. O fito estivo en Castelao maxistral, cando foron 9.000 estudantes. «As exposicións que se organizan son sempre tan de referencia que o normal é que a comunidade educativa queira participar delas», afirma Miguel Ángel Cajigal, integrante do equipo de didáctica do Museo. Nese sentido, engade que «as mostras teñen uns contidos incribles, pero achegarllos á comunidade educativa é unha necesidade porque esa parte da poboación é a que ten que facelos seus. É unha actividade moi dinámica sempre». Nas visitas participa alumnado de todos os niveis, desde infantil a universitario pasando por aulas da terceira idade. Os percorridos están adaptados a cada grupo.
bolsas rega
«A residencia permite a liberdade de investigar»
O Gaiás configúrase como espazo de creación a través das Residencias Artísticas (REGA). Entre elas, este ano catro bolsas de 8.000 euros e unha estancia no Gaiás. Unha das beneficiarias foi Inés Rodríguez con Refugallos para procurar novos deseños con materiais de refugallo. «A residencia permite a liberdade de investigar en proxectos que dun xeito económico non sabemos o percorrido que van ter. Esa liberdade é fundamental, porque xeralmente non a temos», afirma, apuntando que o resultado da estancia «superou as expectativas». Detalla que dela van saír dous produtos: unhas alfombras feitas con follas de millo e liño e unhas lámpadas con botellas de plástico. Tamén fixo coas algas un tecido bioconductor, que lle gustaría que tivese percorrido no eido da investigación.
COMISARIADO
«O espazo é suxestivo e cómodo para as mostras»
Ao longo destes dez anos foron moitos os comisarios de mostras que se enfrontaron a un espazo dunha estrutura tan singular como o Museo Gaiás. Un dos últimos foi Carlos López Bernárdez, encargado de Foi un home. Laxeiro en América, que hoxe pecha a súa estancia en Santiago e logo viaxará a París. Antes estivo en Madrid e Lalín. «O andar terceiro do Gaiás facilita bastante. Rapidamente, vin que as posibilidades de crear un circuíto, funcionaba moi ben en canto a visualidade. É un espazo suxestivo e moi cómodo». Iso si, o feito de que esta mostra na que quería amosar un Laxeiro «que sorprendera un pouco» chegase a espazos moi diferentes supuxo un desafío de partida «porque hai que crear un discurso que se ten que adaptar a contextos distintos sen que o argumento se resinta».
fESTIVAL ESCENAS DO CAMBIO
«É interesante que se abra a festivais escénicos»
Un claro exemplo desa faceta que vai máis alá da exhibición do Museo Gaiás está no festival Escenas do Cambio que o converte nun espazo escénico contemporáneo e xa suma oito edicións as súas costas. A directora das dúas últimas, Lola Correa, incide en que «é interesantísimo que espazos como o Museo Gaiás se abran a festivais de artes escénicas. [...] Aos artistas encántalles estar aquí. É un reto adaptarse a espazos non pensados para este tipo de artes». Hai propostas que se crean especificamente para a cita.
Lola Correa incide na importancia da continuidade do festival. «O máis importante é mantelo e tratar de que o programa sexa variado, con aposta por artistas galegas e que o público poida ver deste xeito o que se fai nas artes escénicas contemporáneas».