As artes escénicas consolídanse da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios
VEN A GALICIA
Santiago e Ames marcarán a saída dun programa con máis de 500 pases
21 dic 2022 . Actualizado a las 13:02 h.Pussy Cake, de Matarile Teatro; Vox Populi, de Malasombra; Pirolíticos, de Mofa e Befa; Hamelin, de Redrum Teatro; e N. E. V. E. R. M. O. R. E., de Chévere Producciones; son algunhas das propostas impulsadas dende a Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre do ano 2023. Debutarán en Santiago de Compostela e Ames, onde arrancará con máis de 20 pases dentro do medio milleiro previsto para os próximos 12 meses. En total, a programación da principal rede de espectáculos escénicas profesionais de Galicia chegará a 41 espazos, repartida en 40 concellos diferentes.
«O ano pasado tivemos un orzamento de 1,8 millóns de euros, dos que 857.000 foron aportados por Agadic. Deu lugar a 527 funcións; 431 de teatro, 12 de circo, 29 música, 13 de maxia e 42 de danza. Este é un dos programas que vertebran e estabilizan ao sector teatral, tanto economicamente como na forma de contratación dos concellos máis pequenos, cuxo acceso é libre. Un dos obxectivos é que se apunten cantos máis mellor. Para o 2023 queremos conseguir que aumente o número», afirma Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que destaca que para o primeiro semestre do ano xa hai previstas máis de 300 funcións.
O número final dependerá das eleccións dos concellos, sobre os que recaerá a decisión de elixir os espectáculos. «A Rede Galega de Teatros e Auditorios é clave para facilitar unha programación estable, que é un piar fundamental dentro do funcionamento do sector, e que o vertebra en Galicia», considera Jacobo Sutil.
De estreo
O Principal será o escenario das estreas absolutas de tres producións galegas: Pussy Cake, con dirección e dramaturxia visual de Baltasar Patiño, que será o 26 e 27 de febreiro; Hamelin, que ofrecerá unha visión contemporánea e inquietante do conto clásico, chegará os días 23 e 24 de febreiro; e Códice-K, na que Ainé Produción se achega á historia do roubo do Códice Calixtino, recalará na capital os días 24 e 25 de marzo.
A carteleira do Teatro Principal completarana Vox Populi, de Mala Sombra, os días 2 e 3 febreiro; Pirolíticos, de Mofa & Befa, do 9 ao 11 de febreiro; e Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, o 12 e 13 de maio.
As casas de cultura de Bertamiráns e Milladoiro repartiranse a programación
En Ames, as casas de cultura de Bertamiráns e Milladoiro serán as que acollan a programación impulsada pola Rede Galega de Teatros. Arrancará o 20 de xaneiro na primeira, da man de N. E. V. E. R. M. O. R. E., montaxe de Chévere con motivo do vixésimo aniversario do desastre do Prestige.
No caso de Milladoiro, a primeira actuación será o 3 de febreiro coa única compañía de fóra de Galicia que forma parte deste primeiro período de actuacións. Trátase de Búho, de Tiztina Teatre, que pescuda sobre o drama da amnesia. O peche chegará da man de Tabú, do Colectivo Glovo, que porá fin á primeira parte da programación o 21 de abril